A Xunta de Galicia subirá ata os 18 euros á hora a súa achega ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF) esta lexislatura, tal e como se recolle na última proposta de financiamento que vén de aceptar a Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp). Deste xeito, o Executivo autonómico «cumpre co seu compromiso de seguir reforzando o apoio aos concellos para aliviar a carga económica que supón para eles a prestación deste servizo, que é de competencia municipal», segundo indican desde a administración autonómica.
Incremento progresivo
Segundo explican desde a Xunta, a contía pactada «representa un incremento significativo e progresivo dun 50% neste mandato». Deste xeito, pásase dos 12 euros/hora actuais aos 16 euros/hora este ano, aos 17 euros/hora no 2027 e aos 18 euros/hora no 2028. Este acordo mellora considerablemente o pacto que se acadou para a anterior lexislatura, xa que naquel momento a subida foi do 24%, pasando de 9,7 euros/hora no 2020 aos 12 euros/hora actuais. A conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, e o presidente da Fegamp, Alberto Varela, asinarán este compromiso en vindeiras datas.
A Xunta destaca a importancia que ten o SAF, «que permite a arredor de 23.000 persoas con dependencia en Galicia recibir coidados nos seus domicilios». De feito, os orzamentos da Xunta para este ano «recollen un importante esforzo económico para seguir mellorando a atención á dependencia».
En concreto, os orzamentos da Xunta para este ano 2026 en materia de dependencia superan os 844 millóns de euros, o que supón un 17% máis que no exercicio anterior. Esta suba permitirá seguir ampliando o número de persoas atendidas e «cubrir con fondos propios a falta de compromiso financeiro do Goberno central, que cada ano reduce a súa achega a Galicia», conclúen desde a administración autonómica.
Visto bo da FEGAMP
Cun minuto de silencio en solidariedade coas vítimas do accidente ferroviario de Adamuz (Córdoba) comezou a xuntanza mensual ordinaria da Comisión Executiva da Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP), na que se abordou, entre outros asuntos, a última proposta recibida da Consellería de Política Social para o incremento do prezo por hora do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) dentro do proceso de negociación en marcha.
En novembro pasado, a Comisión Executiva da FEGAMP rexeitou a proposta anterior que só incrementaba o prezo desde os 12 euros/hora actuais ata 14 euros/hora en 2026, 15 euros/hora en 2027 e 16 euros/hora en 2028, ao considerala insuficiente para cubrir os custos reais do servizo.
Isto foi o que Alberto Varela, presidente da FEGAMP, trasladou á conselleira de Política Social, Fabiola García, na reunión mantida o 22 de decembro, «lembrando que era imprescindible resolver o problema de financiamento do SAF nos concellos, que están asumindo a maior parte do custo, superior aos 21 euros por hora de media«.
Nestes días, a Consellería de Política Social presentou unha nova proposta mellorada, que eleva o prezo a 16 euros/hora en 2026, 17 euros/hora en 2027 e 18 euros/hora en 2028.
A nova proposta tamén avanza na solución estrutural do financiamento do SAF, coa creación dunha comisión de avaliación de prezos nas futuras licitacións, que permitirá revisar as achegas económicas.
Con esta proposta enriba da mesa, produciríase unha mellora inmediata de 4 euros/hora nas achegas procedentes da Xunta de Galicia e do Ministerio de Dereitos Sociais, pasando dos 12 euros actuais a 16 euros en 2026, e incrementos adicionais de 5 e 6 euros/hora nos anos 2027 e 2028, respectivamente.
Por todo o anterior, «e sen renunciar ao obxectivo final de que o financiamento do SAF sexa cuberto integramente pola Xunta e o Goberno central, tal e como establece a Lei de Dependencia», a Comisión Executiva da FEGAMP aprobou por maioría dar o visto bo á última proposta da Consellería, tendo en conta tamén a urxencia económica que padecen os concellos.
A negociación para mellorar o financiamento do SAF iniciouse en marzo pasado, tras a reclamación formal da FEGAMP ante as dificultades dos concellos para asumir os custos non cubertos polos 12 euros/hora achegados pola Xunta e o Ministerio.
Durante este período celebráronse varias reunións técnicas e políticas, nas que a FEGAMP achegou datos actualizados dos custos reais do SAF, incluíndo o impacto das novas licitacións aprobadas en 2025 e a modificación das intensidades do servizo establecidas no RD 675/2023.

