jueves, enero 15, 2026
InicioNewsActualidadeUn estudo da USC analiza o papel dos coidados na transición do...

Un estudo da USC analiza o papel dos coidados na transición do mundo romano á Alta Idade Media en Galicia

Un estudo arqueolóxico centrado no noroeste peninsular analiza como a desintegración do Imperio romano transformou a organización social, a vida cotiá e as relacións de xénero entre os séculos IV e VI. A investigación, pioneira en Galicia, sitúa os coidados e as actividades cotiás no centro dos procesos históricos de cambio. O traballo desenvólvese no marco do proxecto Coidarq, dirixido por Celtia Rodríguez González, investigadora posdoutoral da Xunta de Galicia, adscrita ao Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (CISPAC) CISPAC e ao grupo de investigación Síncrisis da USC.

Durante moito tempo a arqueoloxía só se centrou nas elites, na guerra ou no poder político. Este traballo demostra que, para comprender os grandes cambios históricos, é imprescindible atender tamén á vida cotiá e ás prácticas de coidado que sostiveron as comunidades do pasado”, sinala Celtia Rodríguez González.

Actividades de mantemento

O estudo céntrase na vida cotiá e nas chamadas actividades de mantemento, é dicir, nas tarefas do día a día necesarias para soster a vida, como os coidados, a organización do fogar ou a xestión dos recursos domésticos, que durante moito tempo quedaron fóra dos relatos históricos. A análise de varios xacementos do sur de Galicia amosa que estas prácticas foron clave para que as comunidades rurais puidesen reorganizarse nun contexto de crise e inestabilidade. Os resultados indican que, tras a caída do modelo romano, xurdiron novas formas de organizar o espazo, o territorio e as relacións sociais. Neste proceso, os coidados volveron ocupar un lugar central e producíronse cambios nas relacións de xénero, cunha maior equidade entre homes e mulleres, aínda que sen desaparecer por completo as estruturas patriarcais.

A investigación tamén salienta a importancia dos asentamentos rurais e da reocupación de antigos castros como espazos clave para comprender estes procesos de cambio, así como o valor das necrópoles para analizar identidades, roles sociais e dinámicas de xénero a través dos rituais funerarios.

“A arqueoloxía ten a capacidade de escribir a historia de quen non aparece nas fontes escritas, como as comunidades rurais da Alta Idade Media, así como das mulleres e da infancia e do seu papel ao longo da historia”, subliña Rodríguez González. “Incorporar unha perspectiva de xénero ao estudo arqueolóxico non é só unha cuestión académica, senón tamén unha responsabilidade ética e social”, engade.

Obra pioneira

Como resultado dos primeiros avances do proxecto, publicouse recentemente o libro Arqueología de Género en Galicia: El espacio cotidiano de las sociedades rurales en la transición a la Alta Edad Media desde la perspectiva feminista, escrito por Celtia Rodríguez González e publicado na colección BAR International Series. A obra recolle unha primeira síntese das liñas teóricas e metodolóxicas desenvolvidas no marco do proxecto ‘Coidarq: Coidados, materialidades e espazos’, financiado polo Programa de Axudas Posdoutorais da Xunta de Galicia 2024 (ref. ED481B_13), da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, e constitúe unha achega pioneira ao estudo do pasado galego da Alta Idade Media desde unha perspectiva feminista e centrada nas sociedades rurais do noroeste peninsular.

Actualmente, a investigación continúa avanzando no estudo da Alta Idade Media, con especial atención ás aldeas altomedievais galegas. Un dos casos analizados é o da Aldea de Combarro, en San Vicente de Trigás (Lugo), que se converte nun novo exemplo da aplicación da perspectiva de xénero á análise arqueolóxica en Galicia. Os primeiros achados destes anos apuntan á capacidade de axencia das comunidades rurais e á importancia dos coidados e da organización da vida cotiá na súa estruturación social.

Deste xeito, o proxecto Coidarq consolídase como unha liña de investigación que permite reinterpretar o pasado desde a vida cotiá e os coidados, contribuíndo a facer visibles prácticas e suxeitos historicamente esquecidos e a establecer pontes entre o pasado e os debates sociais do presente.
 

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS