O Concello de Ponteareas está a executar o proxecto “Mellora das instalacións deportivas e accesos ao Campo de Fútbol Municipal de Pardellas”, unha actuación que supón un investimento total de 48.397,94 euros, financiados con fondos propios municipais e a través do Plan +Provincia da Deputación de Pontevedra.
Este proxecto permitirá modernizar e dignificar unhas instalacións moi utilizadas pola veciñanza, mellorando tanto os espazos deportivos como a seguridade nos accesos ao recinto. Entre as actuacións destaca a transformación dun espazo baleiro nun ximnasio, integrado no complexo deportivo de Pardellas.
Explica o tenente de alcaldesa, Juan Carlos Glez. Carrera que as obras inclúen tres intervencións principais. En primeiro lugar, renovarase a iluminación do campo secundario, substituíndo os proxectores actuais por outros de maior intensidade lumínica e mellor rendemento enerxético, mellorando así as condicións para a práctica deportiva e reducindo o consumo eléctrico.
En segundo lugar, levarase a cabo a mellora interior da sala de trofeos, lavandería e ximnasio, arranxando chans e paredes, instalando un falso teito con iluminación LED e substituíndo cristais deteriorados. Para o pavimento empregarase tarima vinílica nunha superficie de máis de 60 metros cadrados, e as paredes serán pintadas coa cor elixida polo club, tras a reparación das zonas danadas.
Finalmente, executarase unha senda peonil de acceso ao campo de fútbol, co obxectivo de garantir un itinerario seguro para as numerosas persoas que acoden diariamente ás instalacións. Esta senda, paralela ao vial existente, contará cun ancho de 1,5 metros e incluirá un novo sistema de recollida de augas pluviais mediante tubaxe soterrada e sumidoiros. A actuación completarase coa instalación dunha varanda de madeira como elemento de protección.
Na súa visita ás obras, a alcaldesa de Ponteareas, Nava Castro, manifestou que con este proxecto, o goberno de Ponteareas reafirma o seu compromiso coa mellora das infraestruturas deportivas municipais e coa seguridade da veciñanza, apostando por espazos máis accesibles, eficientes e axeitados para a práctica deportiva.

