O presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, confirmou este sábado que o seu país levou a cabo “con éxito unha operación militar a gran escala contra Venezuela” e asegurou que o mandatario venezolano, Nicolás Maduro, foi capturado xunto coa súa esposa, Cilia Flores, e evacuado do país por vía aérea.
O anuncio produciuse poucas horas despois de que se rexistrasen explosións e sobrevoo de aeronaves militares en Caracas e noutras rexións venezolanas. Segundo Trump, a intervención realizouse “en coordinación coas forzas da orde estadounidenses”, tal e como indicou nunha mensaxe publicada na súa rede social Truth Social. O presidente avanzou ademais que ofrecerá máis detalles nunha rolda de prensa prevista para este sábado ás 11.00 horas (17.00 Hora de España) desde a súa residencia en Florida.
Pola súa banda, a vicepresidenta venezolana e ministra de Hidrocarburos, Delcy Rodríguez, interveu por teléfono na televisión estatal VTV para denunciar que o Goberno descoñece o paradoiro actual do matrimonio presidencial. Visiblemente emocionada, esixiu á Administración Trump unha “proba de vida” das persoas capturadas.
Rodríguez confirmou tamén que os ataques provocaron un número aínda indeterminado de vítimas, tanto entre os efectivos militares como entre a poboación civil, e cualificou a intervención estadounidense de “agresión brutal e salvaxe”.
Fontes da Administración estadounidense sinalaron que Trump dera luz verde á operación militar hai varios días, tras meses de incremento da presenza naval e aérea dos Estados Unidos nas proximidades das costas venezolanas, así como reiteradas presións da Casa Branca para que Maduro abandonase o poder.
Nunha breve entrevista concedida ao xornal The New York Times desde Florida, onde pasou as vacacións de Nadal, Trump describiu a acción como “unha operación brillante”. “Houbo moita planificación e participaron persoas e militares extraordinariamente cualificados”, afirmou o presidente, quen sostén que a intervención supuxo a caída de Maduro e a súa saída forzosa do país xunto á súa esposa.
O Goberno de Venezuela denunciou que as explosións rexistradas esta madrugada constitúen unha “gravísima agresión militar” por parte dos Estados Unidos. As autoridades decretaron o estado de emerxencia e chamaron á poboación a defender o país fronte ao que consideran unha invasión estranxeira.
O ministro de Defensa venezolano, Vladimir Padrino, cualificou os ataques de “ruíns e covardes” e asegurou que os equipos de seguridade están a buscar posibles feridos ou falecidos. Nun vídeo difundido publicamente, afirmou que “esta invasión representa o maior ultraxe sufrido polo país, motivado pola insaciable cobiza polos nosos recursos estratéxicos”. Padrino concluíu cunha mensaxe de resistencia: “Atacáronnos, pero non nos dobrarán”.
As explosións producíronse tanto en zonas civís como militares dos estados de Miranda, Aragua e La Guaira, así como na capital, Caracas.
Nunha mensaxe publicada na súa rede social Truth Social, Trump asegurou ademais que o presidente venezolano, Nicolás Maduro, “foi capturado e trasladado fóra de Venezuela”.
Segundo fontes gobernamentais citadas pola cadea CBS, Trump dera luz verde aos ataques hai varios días. De acordo con esa información, os altos mandos militares estadounidenses chegaron a valorar unha ofensiva o día de Nadal, pero finalmente optaron por priorizar as operacións militares en Nixeria contra o Estado Islámico.

