A Deputación de Pontevedra leva este sábado 3 de xaneiro o circuíto +Escénicas ao concello de Arbo da man da obra de teatro “A louca historia de Galicia”, a cargo de Fulano, Mengano e Citano. Trátase dunha actuación enmarcada na segunda edición desta iniciativa provincial, que apoia a programación de teatro e danza nos concellos de menos de 20.000 habitantes da provincia cun orzamento de 195.000 euros, 45.000 euros máis que na súa primeira convocatoria.
Cando?
“A louca historia de Galicia”, que se representará no Auditorio municipal ás 18:00 horas, é unha peza para público mozo e adulto. A obra propón un percorrido en clave de humor a través da historia de Galicia que leva as e os espectadores por apaixonantes períodos de luz e de sombra que, como destaca a compañía, fixeron dos galegos o que son, ou o que algúns pensan que son. Esta historia demostra que os galegos saben rirse de si mesmos, e tamén dos outros.

