lunes, diciembre 29, 2025
InicioNewsActualidadeMoita música, uvas e chocolate para despedir, por adiantado, o ano vello...

Moita música, uvas e chocolate para despedir, por adiantado, o ano vello no Porriño

O Porriño despedirá o ano 2025 de forma anticipada cunha gran xornada festiva dirixida a toda a veciñanza, que se celebrará o vindeiro 30 de decembro. Trátase dunha cita xa consolidada no calendario cultural e de lecer do municipio, organizada polo Concello e pensada para todos os públicos.

A programación arrancará pola mañá, ás 11:00 horas, cunha festa infantil na carpa do Parque do Cristo, onde a cativada será a gran protagonista. Os nenos e nenas poderán celebrar o seu propio Pre-fin de Ano co grupo de música infantil Mamá Cabra con xogos, animación e un pasarrúas protagonizado por personaxes infantís, creando un ambiente festivo e familiar desde primeiras horas do día.

Xa pola tarde, a partir das 19:00 horas, terá lugar o pasarrúas das tres rondallas —a Rondalla de Santa María do Porriño, a Rondalla da Asociación Recreativa Santa Eulalia de Atios e a Rondalla Cultural Musical de Pontellas—, que percorrerán as rúas do centro da vila, enchendo O Porriño de música tradicional e espírito festivo.

A celebración central dará comezo ás 21:30 horas, cunha gran festa de Pre-fin de Ano que incluirá actuacións musicais, repartición de uvas, cotillón e chocolate quente de balde para todas as persoas asistentes.

A noite continuará coas doce badaladas que volverán soar a medianoite, cunha sesión DJ a cargo de Dumore e Groove Amigos e coa actuación da Orquestra París de Noia, completando unha proposta musical pensada para todos os gustos. O escenario principal da xornada festiva será a rúa Domingo Bueno.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS