A Xunta de Galicia rexeita o Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) que vén de presentar a dirección da planta de Sargadelos en Cervo, ao tempo que insta á reanudación da actividade canto antes «en defensa dos dereitos das persoas traballadoras». Como autoridade laboral, o Goberno galego aprecia «incongruencia na solicitude presentada ao non axustarse á normativa aplicable e demanda información e documentación adicional á dirección da empresa». Así mesmo, reafirma que, «como non pode ser doutro xeito», velará polo cumprimento da lexislación laboral e denunciará calquera ilegalidade que se detecte.
Respecto das negociacións levadas a cabo desde abril, cabe lembrar que «a Xunta actuou desde o primeiro momento con absoluta responsabilidade, mantendo un contacto permanente tanto coa empresa como cos traballadores e a Inspección de Traballo, e mediando para que se ofrecese a máxima flexibilidade á dirección, dentro da legalidade vixente, para a realización das obras necesarias para subsanar as deficiencias detectadas».
Prazo suficiente
Como resultado das xestións realizadas polo Goberno galego, a Inspección de Traballo concedeu a Sargadelos un prazo suficientemente amplo para acometer as actuacións previstas no requirimento de marzo de 2025 e no de setembro de 2024. Neste contexto, no día de onte a Inspección de Traballo realizou unha visita rutineira ás instalacións para comprobar o cumprimento das actuacións solicitadas.
A Xunta está a colaborar co financiamento das obras, tendo en conta a singularidade da planta, declarada Ben de Interese Cultural desde 2014. Dentro desta colaboración, xa se completaron os estudos sobre as condicións do sistema de ventilación e extracción, así como parte das actuacións esixidas.
Como xa se trasladou en anteriores ocasións, o subsanamento das eivas detectadas é perfectamente compatible co mantemento da actividade e permite garantir a seguridade e saúde do persoal.

