O Concello de Mos aprobou no último pleno a modificación da Ordenanza Fiscal reguladora do Imposto sobre Bens Inmobles (IBI) co obxectivo de incentivar o uso das enerxías renovables mediante a incorporación dunha bonificación do 50% na cota íntegra do imposto durante tres exercicios fiscais consecutivos ás persoas propietarias de inmobles de uso residencial que instalen sistemas de aproveitamento da enerxía solar fotovoltaica.
A alcaldesa Nidia Arévalo destacou que esta medida supón o cumprimento dun compromiso electoral e forma parte dunha estratexia municipal máis ampla para favorecer a transición enerxética, a sostibilidade e o aforro económico das familias mosenses. “Cumprimos coa palabra dada. Con esta bonificación apoiamos directamente ás veciñas e veciños que queren apostar pola enerxía limpa e pola eficiencia, reducindo tanto as emisións contaminantes como o gasto das economías familiares”, sinalou Arévalo.

