Tras unha década sen que o acordo de descentralización de Medicina se fixese efectivo e case medio ano despois de que a Universidade de A Coruña solicitase a implantación do grao, os reitores do Sistema Universitario Galego (SUG) confirmaron este mediodía en Santiago de Compostela a consecución dun preacordo entre as tres universidades, que terá que ser validado, primeiro polo grupo de traballo, do que tamén forman parte as consellerías de Educación e Sanidade, así como representantes da Facultade de Medicina e do SERGAS, e posteriormente polos respectivos consellos de goberno das institucións académicas.
En liñas xerais o preacordo anunciado hoxe, que abrangue ata o curso 2028/2029, segundo indican desde a Universidade de Vigo, contempla a formación de unidades docentes nos hospitais Álvaro Cunqueiro e no CHUAC; a contratación de como mínimo o 50% do futuro profesorado das unidades docentes por parte das universidades de Vigo e A Coruña; e a achega económica para realizar estas contratacións por parte da Xunta de Galicia ás universidades. Asinarase un convenio único, con anexos para cada institución académica e existirá cláusula de saída ante incumprimentos ou ante a insatisfacción co desenvolvemento do proceso.
“Agradezo o ton das negociación e espero que se chegue a aprobar o acordo no grupo de traballo e logo nos consellos de goberno” sinala o reitor da UVigo e coordinador do grupo de traballo, Manuel Reigosa, que considera ademais que “na situación actual, é un bo acordo para o desenvolvemento dos estudos de Medicina en Galicia, e espero que o futuro permita un grao maior de corresponsabilidade”.
Consenso
Na súa comparecencia ante os medios este mediodía en Santiago de Compostela, Manuel Reigosa confirmou que o consenso acadado permitirá presentarlle a vindeira semana ao grupo de traballo “un documento único, consensuado e que está baseado na formación de unidades docentes, tanto en Coruña como en Vigo, ademais de en Santiago, onde xa existía”. Isto permitirá, confirmou Reigosa, que haxa profesorado de distintas categorías contratado polas tres universidades galegas, e “agardamos que este acordo sexa validado, matizado e corrixido polo grupo de traballo, pero que permita empezar a traballar xa no desenvolvemento dunha docencia descentralizada, tal e como esperábamos, que sexa o mellor para a formación dos médicos e no que todos poidamos sentirnos útiles para Galicia, tanto a Universidade de Santiago de Compostela, que é a que ten o título, como as de Vigo e Coruña, que queremos xogar un papel importante tamén na formación destes médicos”.
O preacordo anunciado este mediodía está baseado en documentos nos que, confirmou o reitor da UVigo, se levaba tempo traballando e tendo en conta debates previos como os mantidos nas universidades de Vigo e Coruña, incluíndo os acordos dos seus respectivos consellos de goberno. Para a súa posta en marcha, Reigosa avanzou que se contará cunha axuda económica importante para a contratación de novo profesorado, que será o que facilitará a descentralización “e que a docencia, que xa é boa, mellore”, así mesmo indicou que se trata de aproveitar as potencialidades de todos os hospitais de Galicia.
Profesorado
“Hai moitos detalles que teñen que ver co número de profesores que se van incluír de cada unha das tres universidades”, explicou Reigosa, que tamén indicou que as novas prazas que vaian saír estarán en torno ao 50% en cada unha das unidades descentralizadas, e que, ademais, se van poder incorporar ás tres unidades docentes coas que xa contan as universidades de Vigo e Coruña e que, polo tanto, “todos eles van xogar en pé de igualdade”.
O documento do preacordo tamén recolle os consensos acadados en canto á duración do convenio, que arrancaría o vindeiro curso e se completaría no 2028/2029, así como toda unha serie de documentación adicional que se presentará a vindeira semana ao grupo de traballo. “Durante tres cursos académicos procederíase secuencialmente á descentralización de 4º, 5º e 6º, de maneira que no curso 2028/2029 se acadaría a descentralización completa, cunha parte moi importante no CHUAC e no Álvaro Cunqueiro, pero tamén contando coas posibilidades que nos ofrecen outros hospitais de Galicia”, detallou o reitor da UVigo, que tamén incidiu en que a clave será que “todo o persoal implicado nesas unidades docentes estará en pé de igualdade e, polo tanto, “participará na docencia teórica, práctica e clínica con absoluta normalidade”.
Ante posibles incumprimentos do acordo, Reigosa sinalou que “desde logo, se se producise algún incumprimiento podería saírse dese acordo”, se ben, subliñou sentirse “absolutamente optimista en que sexamos quen de facer unha docencia realmente mellor, unha descentralización efectiva, cun número de estudantes acaído nos hospitais da Coruña e Vigo e que, polo tanto, nos sintamos moi cómodos e sigamos traballando para nese curso 2028/2029 poder pór enriba da mesa novos procedementos de descentralización máis completa”.
UDC, USC e Xunta de Galicia
O reitor da Universidade da Coruña, Ricardo Cao, indicou que a avaliación dos cumprimentos do acordo farase anualmente e, polo tanto, transcorrido o primeiro ano da sinatura, realizarase xa unha primeira avaliación. Salientou, así mesmo, a importancia que ten “o mantemento da vinculación única de cada hospital á universidade que lle corresponde territorialmente, así como o mantemento das condicións dos institutos de investigación sanitaria das tres universidades, xunto cos hospitais correspondentes”.
Pola súa banda, o reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Antonio López, valorou moi positivamente o acordo, ao que se referiu como “un gran paso adiante”. Nesta liña, indicou que se trataba de buscar a mellor solución para a formación de médicos en Galicia e, finalmente, o acordo logrado, vai na liña do que se viña defendendo desde a USC, “que é buscar a implicación de todo o sistema sanitario de Galicia, dos hospitais e das outras universidades”. Así mesmo fixo fincapé, ao igual que Cao e Reigosa, en que este acordo demostra e pon en valor a capacidade do SUG de atopar fórmulas e solucións, “cada un desde a súa propia universidade”, na procura do mellor para Galicia.
En nome da Xunta, o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, insistiu en que “hoxe é un bo día para Galicia”, un día no que se lanza unha mensaxe “moi positiva para o conxunto de Galicia”, xa que “entre todos, desde posición antagónicas, fomos capaces de chegar a un punto de encontro, un bo acordo”.

