Despois da Inspección de Traballo ter levantado acta por infracción moi grave a Óbolo, concesionaria do SAF de Ponteareas, agora a Inspección de Servizos Comunitarios e Inclusión Social, dependente de Política Social, vén de constatar «unha serie de deficiencias» no servizo. Así o fai saber o sindicato CIG, a través dun comunicado, no que indican que «a representación do cadro de persoal mantivo onte unha reunión co Concello, que insiste malia todo na súa negativa a iniciar un expediente de resolución do contrato«.
A Inspección respondeu á denuncia da CIG asegurando que «o pasado 27 de outubro se realizou unha visita ás oficinas do SAF, na que se constatan unha serie de deficiencias e se lle require a súa emenda». A contestación por escrito conclúe que «ditas deficiencias tamén se poñen en coñecemento do Concello de Ponteareas, por ser a entidade titular do servizo, co obxecto de que realice un seguimento e supervisión da citada empresa xestora e tomen as medidas oportunas para garantir a calidade dos servizos prestados, de ser o caso», segundo indican desde o sindicato.
A CIG solicitou onte a celebración urxente dunha xuntanza cos responsables municipais, encontro que finalmente se produciu por vía telemática. “Tras máis de 40 días de folga temos demostrado sobradamente que Óbolo incumpre as condicións esenciais do contrato, pero o Concello négase a rescindirllo, optando ademais recentemente por aportar medios e persoal propio e por darlle tipo de vantaxes á empresa”.
En consecuencia o pasado 20 de outubro a representación sindical convocou a empresa a unha mediación no Consello Galego de Relacións Laborais co obxectivo de pactar o xeito de afrontar as cuestións a solucionar. “Todas elas teñen que ver coa normativa laboral básica, e son tan importantes como as débedas salariais, xa que teñen que ver coa vixilancia da saúde das traballadoras, os excesos de xornada, os descansos ou a infracotización das nóminas”.
A CIG lamenta que, na actualidade, transcorridos xa case sete meses dende inicio do servizo e despois de 15 días de mediación sen que a empresa teña comparecido, “constatamos que a actitude de Óbolo é inadmisible e totalmente irresponsable, creando e mantendo de xeito neglixente o SAF nun eterno conflito”. Polo que reiteran a necesidade de proceder á apertura dun expediente de resolución de contrato que remate co “secuestro” do servizo.

