O Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible vén de aprobar o expediente de información pública do documento complementario ao proxecto de trazado para a “Construción de rotondas e tratamento de marxes da estrada N-120 entre os quilómetros 644,9 e 649,9, no termo municipal de Ponteareas (Pontevedra)”. O orzamento estimado na data actual é de 3,36 millóns de euros (IVE incluído), segundo informa o Ministerio nun comunicado.
Tras esta aprobación, publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE), o Ministerio de Transportes e Mobilidade Sostible «continúa coa redacción do proxecto de construción para a súa aprobación definitiva, no cal se define dita actuación co grao de detalle necesario para a súa execución e explotación».
Tal e como indican desde Transportes, «este documento complementario recolle as modificacións incorporadas no proxecto tras o trámite de información pública do proxecto de trazado orixinal, co obxectivo de optimizar a integración da infraestrutura no contorno urbano e dar resposta ás necesidades locais de seguridade e accesibilidade».
En canto ás modificacións, trátase da ampliación da senda peonil na contorna das rotondas dos km 645,4 e 648,6 e as adaptacións na reordenación de accesos inicialmente formulada.
O obxectivo desta actuación, indica o Ministerio nun comunicado, é mellorar a seguridade viaria e a funcionalidade da estrada N-120 nun tramo duns 5 quilómetros de lonxitude, que soporta unha importante intensidade de tráfico e onde conflúen numerosos accesos e un notable tráfico local.
Neste contexto e tras as modificacións incluídas, os traballos definitivos resúmense na execución de 7 rotondas nos km 645,06; 645,4; 646,0; 647,4; 648,0; 648,6 e 649,7, eliminando os xiros á esquerda e mellorando a posibilidade de xiros e cambios de sentido así como a execución dunha senda peonil, unha reordenación de accesos e a mellora do firme no tramo de actuación.
Con esta actuación, o Ministerio «continúa avanzando no seu compromiso coa mellora da rede viaria do Estado en Galicia, reforzando a seguridade e a calidade de vida dos cidadáns de Ponteareas e da súa área de influencia».
Esta actuación inclúese dentro do programa de conservación e mantemento da Rede de Estradas do Estado, no que o Ministerio de Transportes leva investidos 109,25 millóns de euros desde xuño de 2018 na provincia de Pontevedra, e que xera un impulso significativo para mellorar a calidade do servizo da infraestrutura viaria estatal existente.

Cortes de estrada
Cómpre lembrar que a veciñanza de Ponteareas leva unha década reclamando esta mellora da seguridade viaria da Nacional 120 e a Plataforma intensificou as protestas durante os últimos meses, cortando, incluso, a estrada durante dúas horas cada venres. Nestas protestas, estaban acompañdos polo equipo de goberno municipal, liderado polo Partido Popular, así como polos grupos da oposición (BNG, PSOE e Ponteareas en Común).

