O persoal do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Ponteareas, en folga indefinida dende o pasado 26 de setembro, vén de iniciar un peche no interior do Concello para reclamar unha solución ao conflito laboral, «que pasa pola rescisión do contrato coa concesionaria Óbolo».Un grupo de traballadoras e de responsábeis da CIG, entre eles o secretario xeral, Paulo Carril, e a secretaria comarcal da CIG-Servizos de Vigo, Transi Fernández, accederon ao consistorio para trasladar as reivindicacións das afectadas durante o pleno da corporación como xa se fixo con anterioridade: que se abonen as nóminas a tempo e que se paguen as horas traballadas, así como medidas de prevención, contratos a tempo completo e que se garantan os descansos legais mínimos, tanto diarios como semanais, entre outras cousas.
A intención agora e pasar a noite nas dependencias municipais, peche que abandonarán ás 10:30 horas para ofrecer unha rolda de prensa nas escaleiras do Concello coincidindo coa celebración do Día Internacional dos Coidados e o Apoio, establecido pola ONU “para recoñecer a importancia de investir nos coidados e de crear sistemas sólidos, inclusivos e respectuosos cos dereitos humanos que respondan ás necesidades de todas as persoas”.

