miércoles, octubre 8, 2025
InicioNewsA Xunta insta ao Goberno a asumir as compensacións para os afectados...

A Xunta insta ao Goberno a asumir as compensacións para os afectados pola dragaxe da ría do Burgo

A Xunta volveu a instar ao Goberno central a asumir as compensacións económicas para as persoas mariscadoras afectadas polas obras de dragaxe da ría do Burgo. Así o manifestou a directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Ángeles V. Suárez, en resposta a unha pregunta na Comisión 8ª de Pesca e Marisqueo do Parlamento de Galicia onde reiterou o apoio do Goberno galego ás demandas do sector. A responsable autonómica recordou que os traballos, iniciados en decembro de 2021, finalizaron o 26 de abril do 2024 o que supuxo o fin das axudas aos profesionais.

A directora xeral insistiu en que o Estado, como promotor da obra, «é o único responsable de asumir estas compensacións que a Declaración de Impacto Ambiental (DIA) estendía ata o momento que os bivalvos acaden talla comercial«. Unha disposición que o Ministerio de Transición Ecolóxica e Reto Demográfico (Miteco) «está a incumprir deixando en situación de vulnerabilidade a máis de 70 familias que dependen do marisqueo».

Desde a Xunta de Galicia, indican que é «unha actuación neglixente que sumou aos múltiples defectos na tramitación desta actuación que tiveron que ser corrixidos sobre a marcha e unha deficiente realización dos traballos como reflicte o informe elaborado pola confraría en colaboración cos biólogos autonómicos».

O documento sinala a dragaxe dun banco marisqueiro no cal non estaba previsto dragar, partes dunha canle que quedaron sen dragar ou a existencia de montículos de pedras que poden chegar a afectar á navegación situados enriba dos propios bancos. Tamén a redución das superficies produtivas, variacións na batimetría, modificacións das características granulométricas así como a presenza de irregularidades no terreo causadas pola maquinaria pesada cuxa orixe está no remate inadecuado ou incompleto dos traballos. Uns defectos que deron como resultado que 24 dos 27 bancos marisqueiros existentes na zona presenten na actualidade un peor estado respecto ao inicio das obras.

«Desleixo»

Ángeles V. Súarez afeou a «ausencia sistemática do Estado nas xuntanzas convocadas polo sector amosando un profundo desleixo fronte as demandas do sector e a súa nula vontade de ofrecer ningunha explicación«. Unha actitude que «tamén vese reflectida á falta de resposta á misiva remitida pola Consellería do Mar ao Ministerio o pasado 27 de xaneiro instado ao Goberno central a corrixir as deficiencias detectadas e a asumir as compensación económicas comprometidas no proxecto».

Nesta liña recordou que a obra foi adxudicada por 15,5 millóns de euros menos respecto o valor de licitación polo que aínda se entende menos a negativa estatal a aboar este apoios.

Pola contra, puxo en valor a actuación do Goberno galego, defendendo desde o primeiro momento as demandas do sector e participando en todas as xuntanzas ás que foi convocado. Tamén resaltou os apoios autonómicos para a realización de actuacións de conservación e rexeración dos bancos do Parrote e Marxe Esquerda, non afectados pola dragaxe. Ademais, proximamente vaise a iniciar un estudo de batimetría para coñecer de xeito detallado a situación actual das zonas produtivas e as afectacións provocadas polos traballos realizados.

A directora xeral destacou que a confraría presentou un plan de traballo ao Ministerio, co aval da Consellería do Mar, que recolle accións de conservación, rexeneración e vixilancia dos bancos marisqueiros cun custe estimado de case 3,8 millóns. O obxectivo «é recuperar e manter as condicións axeitadas para a captación do recrutamento das especies de bivalvos e para o desenvolvemento das súas poboacións». Tamén «incrementar a capacidade produtiva e evitar a actuación impune dos furtivos» Unha proposta que, «lamentablemente, continúa sen obter resposta por parte do Miteco», segundo explican desde a administración autonómica.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS