miércoles, octubre 8, 2025
InicioNewsActualidadeAberto o prazo para presentar as propostas dos primeiros orzamentos participativos de...

Aberto o prazo para presentar as propostas dos primeiros orzamentos participativos de Mos

O Concello de Mos vén de lanzar o proxecto piloto Mos-Decide, o primeiro proceso de orzamentos participativos da historia do municipio, que permitirá á veciñanza decidir, directamente, a que se destina unha parte dos recursos municipais.

A composición do consello destes orzamentos participativos estará formado polos presidentes ou representantes das asociacións veciñais das parroquias de Mos e dos tres grupos políticos municipais. Ademais, a partir do día 21, un comité formado por técnicos de diferentes departamentos municipais analizará e validará as propostas recibidas.

Con esta iniciativa, o Concello de Mos reafirma o seu compromiso cun modelo de xestión máis aberto, transparente e centrado nas achegas da cidadanía, reservando unha partida de 200.000 euros para a execución dos proxectos seleccionados pola veciñanza, o que supón o 1,5% do orzamento para 2026.

Pode participar toda persoa maior de 16 anos empadroada en Mos, presentando a súa proposta e participando na votación popular.

As propostas deberán enmarcarse en temáticas como obras e equipamento, medio ambiente, deportes, educación, parques e xardíns, política social e benestar, cultura e xuventude. Non serán admitidas aquelas relacionadas con contratación de persoal, alugueiro de inmobles, subvencións, ingresos públicos ou mantemento. Ademais, deberán ser de interese xeral e de competencia municipal.

Así, as fases do proceso serán as seguintes: do 6 ao 20 de outubro, terá lugar a presentación de propostas; do 21 de outubro ao 3 de novembro, procederase a ánalise e validación técnica; entre o 4 e o 14 de novembro, acometerase a publicación e votación cidadá das propostas finais e durante ese mesmo mes, presentaránse os proxectos gañadores, que serán incorporados aos Orzamentos do 2026.

As propostas poderán presentarse a través da web municipal (www.mos.es) ou de forma presencial na Casa do Concello, na Piscina Municipal Óscar Pereiro, no CDL e na Biblioteca Municipal.

A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, subliñou que “Mos Decide é unha ferramenta de democracia participativa que queremos consolidar para dar voz directa á nosa veciñanza. A xestión municipal faise máis rica cando se constrúe entre todos e todas».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS