O Concello do Porriño vén de solicitar dous postos de técnico administrativo, un xornalista, un orientador, un técnico de información turística e un enxeñeiro técnico en construción e obra civil, ao abeiro dunha subvención da Xunta de Galicia destinada á contratación de persoas mozas inscritas no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil.
O alcalde Alejandro Lorenzo explica que “desde o Concello seguimos apostando polo futuro da nosa mocidade. Esta iniciativa é unha oportunidade para que mozas e mozos do noso municipio teñan a posibilidade de adquirir experiencia laboral real e mellorar a súa empregabilidade. Sabemos que a entrada no mercado laboral é un dos maiores retos para a xente nova e dende a administración local queremos ser parte da solución, ofrecendo oportunidades e acompañamento. Agardamos que a solicitude se vexa apoiada e poidamos contar con estes perfís profesionais no Concello durante os vindeiros meses».
As persoas que poden optar a estes postos son menores de 30 anos, que figuren como desempregadas na Oficina de Emprego e estean inscritas no Sistema nacional de garantía xuvenil. Con todo, para obter máis información poden achegarse a Porremprego, onde recibirán asesoramento ao respecto.
Esta convocatoria ten por finalidade mellorar a empregabilidade e a inserción profesional das persoas mozas, menores de 30 anos, que non estudan nin traballan, mediante a prestación de servizos que lles posibiliten ás persoas participantes realizar un traballo efectivo, durante un período de nove meses, que lles procure unha práctica profesional necesaria para a súa integración sustentable no mercado de traballo.