miércoles, octubre 8, 2025
InicioNewsActualidadeOs castelos de Soutomaior e Sobroso pechan as portas ata a primavera...

Os castelos de Soutomaior e Sobroso pechan as portas ata a primavera do 2026 debido ás obras de mellora

A Deputación de Pontevedra vén de iniciar as obras de mellora dos castelos de Soutomaior e Sobroso, cun investimento de máis de 1,9 millóns de euros en ámbolos dous recintos.

Con estes recursos, o organismo provincial mellorará a envolvente do castelo de Sobroso para solucionar as filtracións de auga e levará a cabo unha actuación de iluminación monumental e paisaxística no de Soutomaior. E para poder acometer as actuacións, será necesario pechar as portas dos castelos ata a primavera do 2026.

En Sobroso a actuación, que entre proxecto e execución das obras ascende aos 210.000 euros, estenderase ata o primeiro trimestre do 2026. En liñas xerais realizaranse traballos de conservación na cuberta da Torre do Homenaxe, así como na cuberta da zona nobre, no corredor do paseo de Ronda e na parte de acceso interior ao castelo. Tamén se substituirán fiestras e vidros por carpinterías novas e aplicaranse impermeabilizantes e hidrofugantes para arranxar os problemas de filtracións de auga.

Pola súa banda, en Soutomaior a actuación ascende a preto de 1,7 millóns de euros, financiados con recursos do programa de mellora da competitividade e da dinamización do patrimonio histórico con uso turístico da Secretaría de Estado de Turismo do Ministerio de Industria. Neste caso, a actuación está previsto que se estenda ata a primavera do 2026 e que mellore tanto a instalación eléctrica como a iluminación monumental do conxunto do edificio. Ao detalle, reformarase o centro de transformación, instalarase un grupo electróxeno, realizaranse novas canalizacións, subministraranse e instalaranse cadros secundarios, así como desmantelarase a instalación do alumeado exterior, subministraranse e instalaranse cables e luminarias para a iluminación exterior e, finalmente, porase en marcha a instalación e o sistema de control e programación do alumeado.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS