miércoles, octubre 8, 2025
InicioO PaísA CoruñaGalicia rexistra un mes de setembro frío e cun 30% menos de...

Galicia rexistra un mes de setembro frío e cun 30% menos de precipitacións do habitual

O avance do último informe climatolóxico elaborado por MeteoGalicia indica que a Comunidade galega rexistrou o mes de setembro frío, e cun 30% menos de precipitacións do normal neste período.

En concreto, o pasado mes caracterizouse por unha primeira metade durante a que a Comunidade quedou na influencia de baixas presións que achegaban aire frío e inestabilidade, e unha segunda parte con situacións anticiclónicas máis frecuentes.

No que respecta ás temperaturas, a media en setembro foi de 17,2 graos, 9 décimas menos do valor habitual neste período, o que significa que se tratou dun mes frío. De feito, segundo os datos rexistrados en once estacións meteorolóxicas representativas, as desviacións medias das temperaturas mínima (-1 grao) e máxima (-0,8 graos) foron tamén inferiores aos valores normais neste mes.

Máis polo miúdo, a media da temperatura mínima en Galicia en setembro foi de 10,5 graos. Os valores máis baixos (5,6 graos e 7,2 graos) rexistráronse nas serras do Larouco, Queixa e Eixe, mentres que os máis altos (entre 13,4 graos e 14,8 graos) localizáronse na costa oeste, sobre todo, na área da ría de Vigo. En canto ás temperaturas máximas, a media foi de 21,9 graos. Na ribeira do Miño ourensá, nos Canóns do Sil e no val do Támega rexistráronse os valores máis altos (entre 25,7 e 27 graos) e os máis baixos (16,4 graos e 18,2 graos) déronse en Cabeza de Manzaneda.

Por outra banda, a precipitación media acumulada en Galicia no mes de setembro foi de 58 l/m 2 e, segundo o valor medio das anomalías rexistradas nas 16 estacións meteorolóxicas representativas, isto supón un 30% menos do habitual neste período.

As cantidades de precipitación máis elevadas rexistráronse nas serras litorais con valores de entre 130 e 190 l/m 2 , mentres que os valores máis baixos (entre 5 e 20 l/m 2 ) se localizaron na zona meridional da meseta de Lugo e no leste da provincia de Ourense.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS