jueves, septiembre 18, 2025
InicioNewsGalicia acudirá á vía xudicial se o Goberno Central non achega o...

Galicia acudirá á vía xudicial se o Goberno Central non achega o expediente aberto sobre a AP-9

A Xunta volverá esixir ao Goberno central o expediente aberto pola Comisión Europea en relación coa xestión da AP-9 “e, se non hai resposta, acudiremos á vía xudicial”, anunciou hoxe a conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, que lembrou que este expediente se instrúe desde hai seis anos e “del non sabemos absolutamente nada, a pesar de que Galicia é parte implicada”.

Allegue compareceu hoxe xunto ao director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, a directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela e representantes da Federación Galega de Transportes de Viaxeiros, co seu presidente, José Carlos García Cumplido; a Federación Galega de Transportes de Mercancías (Fegatramer), co seu vicepresidente José Fernández Fernández, e da Asociación Empresarial de Transporte de Mercancías por Carretera (Apetamcor), coa directora xeral, Natalia Blanco.

A conselleira reiterou que a solución sobre a xestión da AP-9 pasa polo rescate da concesión e a eliminación de peaxes na autoestrada: “entendemos que é o mellor para o interese público e que sexa canto ante”». E anunciou que a Xunta se dirixirá aos gobernos autonómicos de Asturias e Castela León a fin de estudar a coordinación de accións conxuntas para reclamar a liberalización das peaxes.

Allegue criticou a «falta de transparencia por parte do Goberno central sobre a AP-9 diante do ditame da Comisión Europea sobre as irregularidades das prórrogas da concesión» e que «siga sen tomar unha decisiónn. E insistiu en que ante este ditame, “os galegos non entendemos por que o Goberno de Pedro Sánchez non procede ao inmediato rescate da concesión”.

A conselleira criticou que «ata en cinco ocasións solicitou por carta unha reunión co ministro de Transportes y Movilidad Sostenible, Óscar Puente, para abordar a xestión da autoestrada e presentar o estudo elaborado hai un ano pola Xunta sobre o custo do rescate e a transferencia, sen que houbese resposta«. Isto a pesar, dixo, de que se trata do viario que vertebra o 60% do territorio galego, cunha media de 26.000 vehículos diarios, que nalgúns tramos chega a 60.000, “e cunha funcionalidade crítica tanto no que se refire ao tráfico interurbano como ao metropolitano”.

O citado estudo, que estimaba custo do rescate en 2.331M€, foi actualizado e informado polo Consello da Xunta en agosto deste 2025, elevando esta contía ata os 2.356M€. Neste senso, advertiu que na citada estimación se incrementa en 65M€ o lucro cesante para a concesionaria respecto ás cifras calculadas o pasado 2024, debido ao incremento dos beneficios da concesión en 2024. “Canto máis tempo pase, máis caro sairá o rescate a todos os españois”.

Reiterou que o informe da Xunta establece que «a xestión da autoestrada por parte do Estado nos últimos anos foi prexudicial para o interese xeral, e especialmente para Galicia». Neste senso, apunta á «subida desmesurada das tarifas para os usuarios nos últimos anos e o enriquecemento progresivo da concesionaria». Así, os ingresos por peaxes incrementáronse nun 39,7% entre 2021 e 2024, o que significou un aumento da conta de resultados para a concesionaria dun 78,1% nese período.

Apuntou que, malia as bonificacións implantadas, “que supoñen un inmenso gasto público”, o custo medio por quilómetro para o usuario, segue a ser o maior de todo o territorio. E sinalou que as tarifas na autoestrada subiron ata un 32% dende o ano 2018, fronte ao 19% de incremento no resto de autoestradas do Estado, e tan o 6% de subida nas de titularidade autonómica.

E lembrou que mentres noutros lugares de España «se está a reverter a maioría das autoestradas de peaxe, liberando o seu tránsito, en Galicia mesmo se nos negou, reiteradamente, ata en 41 ocasións nesta lexislatura, o debate da transferencia no Congreso dos deputados».

Tráfico

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, subliñou que o rescate da concesión e a eliminación das peaxes implicará beneficios ambientais de seguridade viaria, de calidade de vida, de aforro de tempo e de competitividade, que poden ser cuantificados economicamente polo Ministerio para a toma da decisión.

No estudo elaborado pola AXI, remárcanse os derivados do transvase do tráfico dende as estradas convencionais cara á AP-9, coa avaliación de catro treitos. No caso da comparativa entre a AP-9 e a A-55 Puxeiros-enlace do Porriño, un dos treitos de maior perigosidade o rescate pode supoñer o descenso dun terzo no tráfico na A-55 e un incremento do 376% na circulación pola AP-9.

No que atinxe a AP-9 e A-55 entre o enlace Porriño-Tui, ese transvase suporía un incremento de tráfico na autoestrada de ata o 577%. Por outra banda, na zona de Curro-Pontevedra, eliminaríase a metade do tráfico na N-550 e o 33% na PO-531 co transvase á AP-9 e no treito entre Ordes e Sigüeiro, descendería nun 76% o tráfico na N-550 e a AP-9 incrementaría en mais dun 100% o fluxo de vehículos.

Citou o exemplo da liberalización da AP-7 en Alacante, lembrando que nese caso, a eliminación da peaxe foi unha medida temporal, posteriormente prorrogada e finalmente consolidada tralo estudo da Dirección General de Carreteras do Ministerio de Transportes y Movilidad Sostenible, que valoraba o beneficio social da medida de 16,8M€ anuais.

Ao aforro económico hai que engadir, apuntou, «a posibilidade para o Estado de evitar ou abaratar a execución de Infraestruturas planificadas que teñen un elevado custo e importantes afeccións sociais, como é o caso por exemplo do treito A Ermida–Pilarteiros da A-57 na circunvalación de Pontevedra».

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS