lunes, septiembre 15, 2025
InicioNewsGalicia pon en marcha o Termómetro Acoso Escolar nos centros educativos

Galicia pon en marcha o Termómetro Acoso Escolar nos centros educativos

O presidente do Executivo autonómico, Alfonso Rueda, sinalou hoxe que a Xunta «dá un paso máis na loita contra o acoso e o ciberacoso escolar» coa posta en marcha dunha nova ferramenta, o Termómetro Acoso Escolar, que contribuirá a unha mellor detección e prevención deste tipo de situacións. Segundo Rueda, está “orientado a previr e actuar cando se produzan os casos de acoso nos centros escolares, que teñen que seguir sendo espazos seguros e libres de calquera violencia”.

Trátase dun cuestionario dixital que os docentes poderán activar en calquera momento do curso, tanto nun aula concreta como en todo o centro, ante unha sospeita dunha posible conduta contraria á convivencia entre o alumnado. Deste xeito, desde este curso, os centros poderán obter información individualizada e analizar a súa situación neste eido e, a partir dela, deseñar e aplicar as medidas máis axeitadas ás súas circunstancias.

Tal e como explicou Rueda, a Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional avanza así no desenvolvemento do Plan integral contra o acoso e o ciberacoso que este curso se reforza con esta ferramenta e coa nova Rede de Concellos contra o Acoso Escolar en que se está a traballar, así como outras medidas que deriven dos resultados da quinta macroenquisa de convivencia que se están procesando.

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, indicou que «estas novas accións súmanse ás que xa están en funcionamento como os puntos Laranxa, caixas de correo físicas e dixitais para denunciar posibles casos de xeito anónimo; ou os equipos de actuación contra o Acoso Escolar, integrados por docentes que reciben formación específica«.

Como funciona?

A nova ferramenta, que se activará nos próximos días, está configurada como un cuestionario en liña, sinxelo e de fácil aplicación, que poderán empregar os docentes en calquera momento en que sexa necesario para obter información sobre o ambiente de convivencia na súa aula. Está prevista para ser utilizada, tal e como informou Rueda, nos últimos cursos de educación primaria (5º e 6º) e en secundaria, bacharelato e FP.

Logo da decisión do profesor de activar o Termómetro Acoso Escolar, e unha vez que o alumnado o complete, xerarase de forma automática un informe detallado para a aula, que incluirá indicadores clave sobre a convivencia, o benestar emocional do grupo e a detección de posibles casos de acoso. Este informe servirá de base para a reflexión docente e para a toma de decisións pedagóxicas orientadas á mellora da convivencia e á intervención educativa cando sexa necesario.

No cuestionario inclúense preguntas orientadas a detectar posibles vítimas, posibles situacións de acoso en que o alumnado é espectador ou posibles persoas acosadoras tanto fisicamente como a través da internet e das redes sociais. Esta posibilidade de aplicación á demanda permite que cada docente poida testar de maneira puntual ou periódica o clima relacional do grupo, identificando posibles conflitos, tensións ou situacións de risco relacionadas co acoso escolar ou a exclusión social.

Plataforma de datos

Ademais, todos os datos recollidos estarán integrados nunha plataforma centralizada xestionada pola propia Consellería de Educación, na cal se garantirá a confidencialidade e anonimización da información individual.

Esta base de datos permitirá elaborar informes globais sobre o estado da convivencia escolar en Galicia, con posibilidade de análises desagregadas por zonas xeográficas, por etapas educativas ou por centros específicos. Deste xeito, disporase dunha visión integral e dinámica da situación, o que facilitará a planificación de estratexias de prevención, detección temperá e actuación fronte ao acoso escolar desde unha perspectiva tanto local como sistémica.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS