O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, informou de que o Consello aprobou hoxe o proxecto da que será a primeira Lei do clima de Galicia, unha norma que se marca como reto principal dotar a comunidade das ferramentas, órganos e instrumentos necesarios para garantir a consecución “da neutralidade climática —o equilibrio entre as emisións de gases de efecto invernadoiro (GEI) e as absorcións— no horizonte do ano 2040, é dicir, unha década antes do prazo fixado pola UE»,
Rueda enmarcou esta lei -que agora será enviada ao Parlamento co fin de que estea aprobada antes de que remate o ano- na “aposta desde hai moito tempo de Galicia” por traballar “na loita contra o cambio climático” e, para iso, o futuro marco normativo sitúa o clima como eixe transversal das políticas públicas galegas e, como tal, deberá integrarse na toma de decisións naquelas áreas que poidan ter algún tipo de impacto (infraestruturas, transportes, saúde, industria, residuos, xestión hidrolóxica etc.). “Queremos que calquera contrato, plan ou política posta en marcha pola Xunta teña en conta a perspectiva climática”, indicou Rueda.
“Galicia será a primeira comunidade en establecer por lei o obxectivo de neutralidade climática”, subliñou a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, quen asegurou que esta normativa vai facilitar “unha transición ecolóxica xusta, sostible e xeradora de emprego verde”.
De feito, para que Galicia sexa unha rexión climaticamente neutra, a lei márcase obxectivos concretos tanto no eido da mitigación —para reducir as fontes de emisión ou potenciar os sumidoiros que captan GEI— como no da adaptación —para mellorar a resiliencia de Galicia e os seus sectores máis relevantes ante o cambio climático—.
Así, fíxase como compromiso pioneiro en España acadar en 2030 unha redución das emisións GEI do 75 % respecto ás de 1990 —referencia a nivel mundial para as políticas climáticas— para seguir consolidando a tendencia dos últimos anos. Nesta liña, o presidente lembrou que “Galicia foi a comunidade na que máis baixaron as emisións netas de CO2 desde 1990”. Concretamente, un 61,7 % en 2023, “a un ritmo cinco veces maior que o conxunto de España”, engadiu.
Ademais, desde o punto de vista da adaptación ao cambio climático, a prioridade será protexer a sociedade e a economía ante os riscos derivados deste fenómeno, segundo explican desde a Xunta. Por iso, tal e como explicou a conselleira, promoveranse todas aquelas accións orientadas a preparar o territorio e protexer a cidadanía dos impactos ambientais e de eventos extremos ligados ao quecemento global, coa creación, por exemplo, de refuxios climáticos que reduzan a vulnerabilidade da poboación ante vagas de calor ou o fomento de solucións baseadas na natureza.
De feito, a Xunta, co apoio da UVigo, deseñou este ano unha metodoloxía innovadora para xestionar e optimizar espazos máis resilientes e saudables coa localización de refuxios climáticos. Agora, nunha segunda fase que tomará a cidade de Ourense como municipio piloto, implementarase unha aplicación móbil, accesible para a cidadanía, que mostrará mapas actualizados de illas de calor e posibles zonas refuxio en cada cidade, así como recomendacións para minimizar a exposición a temperaturas extremas.
Por todo o exposto, a lei introduce con carácter xeral a obriga da Xunta e do sector público autonómico de integrar a perspectiva climática tanto desde o punto de vista da redución de emisións como da adaptación aos efectos do quecemento global na elaboración dos seus plans e programas sectoriais, na preparación de contratos públicos cando o seu obxecto o permita e nas convocatorias de subvencións que teñan un impacto nos obxectivos de neutralidade climática de Galicia.
En concreto, os instrumentos de planificación sectorial cunha incidencia especial no territorio deberán ter en conta as proxeccións climáticas (reguladas tamén na lei) que simulan a resposta do clima na comunidade ante distintos escenarios de emisións co fin de mellorar a capacidade de adaptación e a resiliencia de Galicia; e todos os plans e programas que impliquen a xeración de GEI sometidos a autorización ambiental estratéxica (AAE) incluirán, como mínimo, unha avaliación do seu impacto no clima e as medidas destinadas a compensar, minimizar ou adaptar o territorio para estes efectos.
Neste sentido, a Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático elaborará un documento técnico que sirva de base e como modelo de referencia á hora de integrar a perspectiva climática na elaboración dos distintos plans e programas autonómicos sometidos a AAE co fin de facilitar así ao resto de departamentos o seu cumprimento.
Nova Oficina de Cambio Climático
A Xunta apoiarase en tres instrumentos de acción climática previstos na propia lei para avanzar nas metas fixadas por lei: a Estratexia Galega de Cambio Climático, na cal se fixou por primeira vez o compromiso dunha Galicia climaticamente neutra; os plans rexionais integrados de acción climática, que marcan a folla de ruta e as medidas concretas para adoptar cada cinco anos para cumprir os obxectivos da Estratexia; e os plans de acción local polo clima, que a lei fixa como obrigatorios para concellos de máis de 20.000 habitantes co fin de reforzar a nivel local as accións de mitigación e adaptación.
De feito, 17 dos 23 concellos galegos que se atopan nesta franxa de poboación xa teñen elaborado e presentado o seu propio plan de acción.
Así mesmo, para avanzar na gobernanza e na dimensión social das políticas de clima, a lei recoñece e reforza o papel de órganos xa creados e en funcionamento, como é o caso da Comisión Interdepartamental para o Impulso e Coordinación da Estratexia Galega de Cambio Climático, que coordina a acción das distintas consellerías neste eido desde 2019.
Ademais, tamén regula a Rede local polo clima, impulsada o ano pasado para promover a adhesión de todos os concellos galegos ao Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía (do que actualmente forman parte 287) e axudalos a loitar contra o cambio climático desde unha perspectiva local; e a Alianza Galega polo Clima, unha iniciativa da Xunta xa moi consolidada para fomentar as sinerxías público-privadas ante o quecemento global a través da implicación dos diferentes axentes sociais e económicos que operan na comunidade e que poden xogar un papel relevante na acción climática.
A maiores, a lei prevé a creación de novas ferramentas de participación e coordinación, como o Portal de Acción Climática, que servirá como ventá de divulgación e transparencia neste eido; a Oficina de Cambio Climático de Galicia, de carácter técnico e que asumirá o seguimento da Estratexia e labores de apoio e asesoramento ao resto de departamentos; e o Foro de Acción Climática, órgano colexiado de participación.
Causas climáticas
A transición ecolóxica de Galicia cara a un modelo sustentable, xusto e xerador de emprego requirirá tamén de recursos económicos e incentivos dirixidos tanto ás administracións públicas como ao sector privado. Por iso, tal e como explicou a conselleira, “Galicia quere dar exemplo a outras rexións” e a través da Lei do clima senta as bases para regular, por primeira vez na comunidade, “a contratación pública verde” para contribuír á loita contra o cambio climático.
No prazo dun ano desde a entrada en vigor da norma, a Comisión Interdepartamental elaborará un programa específico para implantar e desenvolver criterios climáticos nos contratos públicos, criterios que, en todo caso, se integrarán de forma progresiva. De feito e para facilitar esta transición, definirá tamén os medios de apoio técnico e asesoramento que se porán á disposición dos órganos de contratación, así como un programa formativo para o seu persoal. Así mesmo, elaborarase un catálogo que defina e detalle as posibles cláusulas climáticas e ambientais a introducir nos distintos tipos de contratos así como as instrucións para facilitar a súa incorporación axeitada aos pregos.
En todo caso e á espera de que se concrete este traballo previo, o criterio estrela que se pretende introducir progresivamente nas contratacións do sector público galego é a pegada de carbono, entendida como a totalidade das emisións de gases de efecto invernadoiro asociadas a unha organización, evento, actividade, produto ou servizo concretos e cuantificada en toneladas equivalentes de CO2.
A Lei do clima de Galicia quere avanzar cara a contratos que fomenten a eficiencia enerxética, a adquisición de produtos ecolóxicos e a organización de eventos sustentables, e promover a eficiencia enerxética na contratación pública, mediante a incorporación das previsións da Directiva da UE en materia de contratación pública ecolóxica.
De feito, fomenta a utilización da pegada de carbono na preparación e execución dos contratos do sector público autonómico; e tamén introduce o criterio da proximidade dos produtos ou servizos utilizados polo licitador co fin de garantir unha compra pública baixa en carbono que contribúa ao obxectivo global da neutralidade climática.
En definitiva, búscase que os procesos de contratación da Xunta se rexan polos principios da propia lei e sirvan de exemplo dunha nova maneira de relacionar a actividade humana co ecosistema en que se leva a cabo; ao tempo que avoga por un modelo produtivo e de consumo circular baseado no reaproveitamento dos recursos.
Con este mesmo fin, a perspectiva climática introducirase tamén na elaboración anual dos orzamentos xerais da Xunta, que recollerá partidas orientadas a avanzar na mitigación e na adaptación do cambio climático en Galicia, e na convocatoria de axudas públicas, coa posibilidade de incorporar cláusulas climáticas específicas.
En concreto, a modo de exemplo, primarase como criterio de valoración específico na concesión de subvencións públicas a entidades municipais para cubrir investimentos e gastos que teñan relación cos obxectivos dos plans de acción local polo clima o feito de que o concello solicitante teña aprobado e rexistrado o seu correspondente plan.
Crédito de carbono
Así mesmo, prevese que a Xunta modifique os instrumentos fiscais existentes co fin de incentivar o sector privado a impulsar accións que contribúan a acadar os obxectivos en materia de cambio climático fixados na Estratexia e nos sucesivos plans rexionais, e crearase un Rexistro galego de persoas promotoras da neutralidade climática, de adhesión voluntaria, e que recollerá os compromisos ambientais asumidos por organizacións públicas ou privadas para reducir ou compensar a súa pegada de carbono.
Neste sentido, a Lei do clima busca fomentar o impulso de proxectos e actividades que aumenten a absorción de CO2 e reduzan as emisións mediante a posta en marcha do chamado sistema voluntario de créditos de carbono da Xunta, que permitirá que empresas, organizacións ou mesmo cidadáns poidan compensar as súas emisións GEI comprando créditos doutros proxectos que reducen ou eliminan gases (iniciativas de reforestación, conservación de bosques, acuicultura ou uso de enerxías renovables). Está previsto que se aprobe o decreto regulador deste mercado nas próximas semanas.
Outra pata fundamental para avanzar no cumprimento dos obxectivos da lei será a información meteorolóxica e climatolóxica. Con tal fin, reforzaranse as redes de observación e control e a de calidade do aire, así como os servizos públicos para a xestión dos riscos derivados do cambio climático para dispoñer de máis datos e mellorar a capacidade de previsión e resposta ante posibles fenómenos meteorolóxicos extremos.
Tamén neste eido cómpre indicar que a lei regula as chamadas proxeccións climáticas, que o organismo competente en materia de cambio climático se encargará de elaborar e revisar periodicamente para Galicia mediante a aplicación de modelos matemáticos.
Finalmente, partindo da premisa de que o cambio climático afecta a todo o mundo —administracións, empresas e cidadanía— a lei aspira tamén a cambiar a mentalidade e fomentar o coñecemento a través de campañas de información, da integración da perspectiva climática en todos os niveis do sistema educativo e do impulso da investigación en Galicia en áreas relacionadas co clima e a adaptación aos seus efectos.
Co impulso á Lei do clima, a Xunta responde e mesmo supera os compromisos asumidos en materia climática a nivel europeo e elévaos a rango de lei, avanzando na senda das medidas iniciadas e aplicadas a nivel autonómico nos últimos anos para facer fronte aos efectos do cambio climático, avanzar na descarbonización co fin de reducir a dependencia dos combustibles fósiles e traballar no obxectivo da neutralidade climática.
De feito, Galicia é unha das comunidades españolas que máis reduce as súas emisións GEI respecto a 1990 —a primeira en canto a diminución das emisións netas e a terceira en brutas, segundo a desagregación territorial do último Inventario Nacional correspondente ao ano 2023— e xa está a cumprir cos novos obxectivos de descarbonización marcados pola Comisión Europea para esta década, entre eles, reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro da UE en polo menos un 55 % para 2030.
Ademais, a temperatura media en Galicia subiu 0,2 graos centígrados por década nos últimos anos mentres que en España o incremento foi de 0,25 graos, unha tendencia ligada ás características particulares da comunidade que a converten nun refuxio climático natural pero que acredita tamén o esforzo realizado pola Xunta.
Neste sentido, grazas á Lei do clima, Galicia aspira a pechar o círculo normativo da sostibilidade que iniciou en 2019 coa aprobación da Estratexia Galega de Cambio Climático, con máis do 90 % da planificación e investimentos previstos executados nos seus primeiros cinco anos de vixencia, en concreto, un total de 139 medidas cun investimento de 1.140 millóns que contribuíron a lograr avances notables nesta materia.
A futura norma comparte tamén os principios da Estratexia de Economía Circular 2020-2030 de promover modelos que xeren emprego verde e de calidade, e da Lei de residuos e solos contaminados de 2021, cuxo obxectivo fundamental é facilitar a transición cara a unha economía circular, primando a prevención e a xestión sustentable dos residuos.
De igual xeito, virá complementar outras accións relevantes en materia de clima nas cales participa a Xunta como, por exemplo, o Pacto das alcaldías polo clima e a enerxía —iniciativa en que o Goberno autonómico actúa como coordinador desde hai oito anos—, a Axenda 2030 para o desenvolvemento sustentable ou a Alianza galega polo clima, que sitúan a Galicia na vangarda das rexións europeas comprometidas coa acción climática.
Agora, tras recibir o visto e prace do Consello da Xunta, o proxecto lexislativo será remitido de inmediato ao Parlamento galego para que continúe coa súa tramitación e se someta, finalmente, a aprobación definitiva, se procede, este mesmo ano.