O Concello de Mos vén de poñer en marcha o sistema de saneamento en distintas parroquias, cun investimento global de 627.541,8 euros, financiado integramente con fondos propios e cunha execución prevista en dúas anualidades.
A maior parte da inversión –607.541,8 euros– destinarase á parroquia de Cela, onde se executarán dúas actuacións: Por unha banda, o saneamento do Camiño do Millón, Fondo de Atín e Camiño da Pedreiriña, cun orzamento de 460.729,24 euros, acollerá unha intervención integral para a instalación de rede de saneamento, incluíndo canalizacións, sumidoiros, obras complementarias e reposicións. Por outra parte, tamén se atopa en proceso de licitación o saneamento do Camiño da Coutadiña, cun investimento de 146.812,56 euros, que inclúe as actuacións pertinentes adaptadas ao trazado existente.
Ambos proxectos teñen un prazo máximo de execución de cinco meses desde o inicio das obras, previsto para este mes de outubro, e permitirán dar servizo de saneamento a numerosos fogares da zona, mellorando así a calidade de vida da veciñanza.
A maiores, destínase unha achega municipal de 20.000 euros na parroquia de Sanguiñeda para a rede de sumidoiros no Camiño Os do López, unha actuación puntual pero de grande importancia para a zona.

