O Concello de Tui vén de iniciar os traballos para a recuperación e posta en valor do tramo da muralla coñecido como “Ángulo dos Demos”, situado no Paseo Fluvial. Esta actuación enmárcase no compromiso municipal coa protección e difusión do patrimonio histórico da cidade.
Nas últimas semanas, realizáronse labores de desbroce e limpeza nos restos desta antiga estrutura defensiva, que permanece en estado de ruína dende hai máis de dous séculos. Esta intervención permitirá acometer un levantamento topográfico tridimensional mediante tecnoloxía con drons, como paso previo á redacción do proxecto de execución, actualmenteen elaboración pola empresa NORTAP INGENIEROS.
O proxecto conta co asesoramento técnico do historiador Suso Vila e do arqueólogo Juanjo Perles, co obxectivo de «garantir o máximo rigor histórico e respecto pola autenticidade da construción orixinal» segundo aseguran dende o goberno local.
Esta actuación está financiada cos fondos europeos Next Generation EU, no marco do proxecto FAR PAX, unha iniciativa de cooperación transfronteiriza orientada á promoción da paz a través da recuperación das fortalezas abaluartadas que marcan a fronteira hispano-portuguesa. Neste contexto, a posta en valor do “Ángulo dos Demos” constitúe un paso relevante na recuperación da memoria histórica e na mellora paisaxística e patrimonial do Paseo Fluvial, contribuíndo á súa integración no entorno urbano e ao disfrute tanto da veciñanza como das persoas visitantes.
O Ángulo dos Demos
O “Ángulo dos Demos” é unha peza clave dentro do sistema defensivo histórico de Tui. Construído en 1642, en pleno contexto bélico con Portugal (1640–1668), este baluarte funcionaba como batería de artillaría, complementando outras defensas ao longo do Miño, como Trascárcel, San Felipe ou o Carballo, en oposición ao sistema fortificado da veciña cidade de Valença.