Martes, Febreiro 3, 2026
HomeNewsComarcasAbel Caballero: "Vigo debe ser inmediatamente incluída como sede do Mundial tras...

Abel Caballero: “Vigo debe ser inmediatamente incluída como sede do Mundial tras a renuncia de Málaga”

“Vigo debe ser inmediatamente incluída como sede do Mundial tras a renuncia de Málaga“. Así o di o alcalde da cidade olívica, o socialista Abel Cabellero, quen explicou, nunha rolda de prensa, o informe xurídico elaborado por Montero Aramburu & Gómez-Villares Atencia, sobre o que destacou que “non é un informe de parte, elabórano co seu criterio e visión” en base a todos os feitos acaecidos no proceso.

Queremos priorizar a vía do diálogo“, indicou o alcalde, xa que dentro das alternativas que inclúe o informe “priorizaremos aquelas actuacións que significan a inclusión inmediata de Vigo”, aínda que, “non descartamos emprender outras accións de acordo co ditame”. “Vigo debe ser inmediatamente incluída como sede do Mundial tras a renuncia de Málaga”, sinalou.

Caballero explica que o informe ten como obxectivo “determinar as vías de actuación” a efectos de ser sede do Mundial 2030. “Suxire actuar simultaneamente en tres frontes” para que a candidatura olívica sexa “valorada e recoñecida xustamente”.

Así, o informe, segundo o rexedor, insta á Federación que comunique á FIFA que, tras a renuncia de Málaga como sede, Vigo debe ocupar o seu lugar na lista de sedes preseleccionadas e remitir unha comunicación ao Presidente da FIFA solicitando directamente esa substitución, con base na renuncia de Málaga.

Ademais, indica que nesa mesma comunicación á FIFA, “informar sobre as irregularidades observadas no proceso de preselección levado a cabo pola RFEF, sen ánimo de denuncia, senón só por se o Comité de Ética da FIFA considera necesario intervir”.

Posteriormente, o mesmo ditame xurídico “analiza outras vías de actuación adicionais”, que a pesar de non ser as máis veloces e idóneas, o alcalde indicou que “non se descartan por completo”. Estas vías son accesibles debido a “unha posible vulneración do principio de obxectividade e a negativa a ofrecer información é considerada un elemento indiciario” de irregularidades e un incumprimento do marco normativo aplicable á RFEF neste procedemento.

O informe subliña que a “RFEF non pode invocar a confidencialidade para negar o acceso á información mentres rexeita estar suxeita ás esixencias de obxectividade e transparencia establecidas pola FIFA”, segundo indican desde o Concello de Vigo.

Dentro das vías de actuación existentes, poderáse actuar por tres vertentes: A vía xurídica-administrativa, actuacións segundo a normativa FIFA e do Mundial, actuacións no ámbito do Dereito da Competencia e a vertente penal. Finalmente, Abel Caballero, quixo sinalar que “apoiamos con todas as nosas forzas a candidatura de Valencia, non estamos entrando en competición con ela”, xa que defende a idea de que España obteña 12 sedes.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS