Martes, Febreiro 3, 2026
HomeNewsA Xunta solicitará ao Goberno as competencias sobre instalacións aeronáuticas de competencia...

A Xunta solicitará ao Goberno as competencias sobre instalacións aeronáuticas de competencia galega

O Consello da Xunta autorizou hoxe á Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes a solicitarlle ao Goberno central a convocatoria da Comisión Mixta de Transferencias para consensuar o traspaso dos medios humanos, materiais e económicos precisos para o exercicio das competencias autonómicas en materia de aeródromos e heliportos non cualificados de interese xeral polo Estado. Así o anunciou o presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, salientando esta decisión como “un acordo que ten que ver coa axenda comezada pola Xunta de Galicia de reforzo do noso autogoberno”.

Para o presidente, o obxectivo desta solicitude é “mellorar a prestación destes servizos e impulsar o sector aeronáutico galego en prol do desenvolvemento económico e a creación de emprego na comunidade”. Tómase esta decisión no marco da Iniciativa Estratéxica en Seguridade, Defensa e Aeroespazo, aprobada polo Consello o pasado maio e que mobilizará ata o ano 2030 “uns 900 millóns de euros procedentes da colaboración público-privada, e na que a utilización deste tipo de instalacións é moi importante”, tal e como sinalou Rueda.

A iniciativa enmárcase, ademais, no interese da Xunta por ampliar o teito competencial de Galicia, asumindo “efectivamente unha competencia que xa recolle o Estatuto de autonomía como exclusiva da comunidade, aínda que na práctica é o Estado quen está a exercela”, ao dispoñer dos medios e servizos necesarios. Cómpre sinalar que o Estado “xa creou un precedente co traspaso desta materia, en 2011, á Comunidade Autónoma de Aragón, resultado da negociación da Comisión Mixta de Transferencias”.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS