«Fóra de servizo». Esa é a situación do camión dos bombeiros de Ourense que empregan para operar en alturas de máis de 30 metros, segundo explican os delegados do sindicato Comisións Obreiras. Trátase da unidade 18, «o vehículo auto-escaleira de 32 metros e que agora se atopa en fóra de servizo».
Nestes momentos ten «unha avería grave que afecta a unha das placas bases, deixando totalmente inutilizado calquer sistema hidráulico e que, segundo parece, tardará certo tempo en solucionarse«.
Os delegados de Comisións Obreiras cualifican este vehículo de «vital importancia» para levar a cabo calquera extinción ou rescate que teña lugar na altura ou ante a necesidade de intervir a través dunha fachada.
Neste contexto, os efectivos «só dispondrán da unidade 14, un vehículo de 1994, que debido a súa lentitude de desprazamento e a súa complexidade á hora de estabilizalo, é moi pouco operativo». De feito, só pode circular polo 5 % das rúas da cidade de Ourense. Ademais, «tamén padece problemas co sitema de arranque e de encendido».
Trátase duns feitos que, tal e como indican os delegados sindicais, «xa sucederon noutras ocasións, quedando o servizo sen a auto-escaleira durante ata tres e catro meses».
É por isto que desde CCOO piden á cidadanía que, na medida do posible, se extreme as precaucións no seu día a día para evitar posibles actuacións que requiran extinción ou rescate en altura a través dunha fachada.