O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Consello aprobou o Proxecto de lei de protección da saúde das persoas menores e prevención das condutas adictivas, que converterá Galicia en pioneira na regulación da venda e consumo de vapeadores e bebidas enerxéticas. Con esta norma, explicou, a nivel de restriccións “as bebidas enerxéticas quedarán equiparadas ao alcohol e os vapeadores ao tabaco”.
“Galicia vai ser a primeira comunidade de España na que se prohíba a venda e consumo destes produtos aos menores de idade”, resaltou Rueda. O Proxecto de lei aprobado hoxe polo Consello da Xunta incorpora diferentes achegas dos sectores implicados, de organismos públicos, de entidades sociais e da cidadanía e será agora remitido ao Parlamento de Galicia, co obxectivo de que “poida ser aprobado antes de que remate este ano”, indicou Rueda.
“Trátase dunha norma necesaria, valente e ambiciosa coa que buscamos unha acción coordinada de toda a sociedade para protexer a saúde dos menores”, engadiu o conselleiro de Sanidade, Antonio Gómez Caamaño. Desta forma, a Xunta «é a primeira Administración en elaborar un proxecto normativo que abrangue todos os riscos de comportamento para os menores de idade, incluídos produtos emerxentes».
Adiccións con substancias e sen substancias
Tal e como explicou o conselleiro parte dun enfoque integral e transversal, que aborda “tanto adiccións con substancias como sen substancia (xogo, tecnoloxías…)” e combina a prevención, a promoción da saúde co control da oferta. As medidas recollidas na Lei fundaméntanse na evidencia científica e en resultados da enquisa nacional Estudes elaborada polo Ministerio de Sanidade entre estudantes de Secundaria.
Debido a que os cigarros electrónicos conteñen elementos tóxicos aínda sen ter nicotina,
o Proxecto de lei prohibe a súa venda e consumo a menores. Amplíase, ademais a prohibición de fumar aos accesos de centros da administración pública, centros educativos e sanitarios, nos que non se permite fumar, nun radio de 50 metros.
Para reducir o número de fumadores pasivos, “tampouco estará permitido fumar nas
marquesiñas de transporte público nin nas piscinas de uso público”, indicou o conselleiro.
Riscos das bebidas enerxéticas
Segundo explican desde a Xunta de Galicia, «as bebidas enerxéticas que conteñen 32 mg ou máis de cafeína por cada 100 ml e outros ingredientes estimulantes equivalen a beber tres cafés, o que se considera excesivo para menores». En adolescentes, inxestións superiores a 60 mg poden afectar o sono e, a partir de 160 mg, poden xurdir alteracións psicolóxicas e de comportamento, ademais de trastornos cardiovasculares.
Por este motivo «Galicia será pioneira a nivel nacional na súa prohibición de venda e
consumo por parte de menores, unha medida que tomaron polo de agora países
europeos como Polonia ou Letonia», tal e como apuntan desde a adminsitración autonómica.
Para contribuír á concienciación social sobre o contido destas bebidas, “os establecementos deberán situalas nun espazo separado con respecto aos refrescos”, indicou Gómez Caamaño.
Desde Sanidade indican que «o consumo destas bebidas é habitual entre a xuventude mesturado con alcohol, o que incrementa os riscos de coma etílico». Neste sentido, a Consellería de Sanidade establece que os servizos sanitarios solicitarán a presenza das familias do menor que teña que ser atendido por intoxicación provocada polo consumo dalgunha substancia psicoactiva proporcionándolle asesoramento e recursos de axuda preventivos e asistenciais.
Exemplo na infancia
Con respecto ao alcohol, a Xunta incidirá no papel de exemplo cara á infancia que teñen
os adultos e non estará permitida a venda en centros docentes, centros de lecer infantil e outros centros de recreo dirixidos a menores ou en recintos destinados a espectáculos públicos durante actividades dirixidas a este tipo de audiencia.
Prohíbese a promoción de bebidas alcohólicas en establecementos onde estea
autorizado o consumo no propio local, «mediante prácticas que inciten ao consumo
excesivo ou descontrolado«. Ademais, as máquinas expendedoras só poderán ofrecer bebidas alcohólicas cando dispoñan de sistemas que permitan acreditar a maioría de idade.
Promoción de saúde
O Proxecto de lei incorpora como novidade a posibilidade de substituír as sancións pola participación en programas preventivos ou asistenciais como, por exemplo, programas de cesación tabáquica ou de concienciación sobre os prexuízos de beber alcohol, fumar ou consumir cánnabis, ou, tamén, traballos en beneficio da comunidade, preferentemente relacionados coa conduta infractora.
En liña coas suxestións recibidas por parte de organismos públicos, empresas dos
sectores implicados, entidades sen ánimo de lucro e cidadanía, incídese na prevención no ámbito familiar, escolar, comunitario e sanitario.
En concreto, nos controis do programa de saúde infantil a partir dos 12 anos
incorporaranse intervencións preventivas de cribado e intervención do consumo de
alcohol, tabaco, cánnabis, bebidas enerxéticas e uso problemático das tecnoloxías
dixitais.
No referente ás competencias das distintas administracións, o Proxecto de lei define as
mesmas competencias para os entes locais que as establecidas na Lei de 2010 de
prevención do consumo de bebidas alcohólicas en menores e «que foi pioneira a nivel
estatal cando se permitía beber viño ou cervexa con menos de 18 anos. De feito, a nova
norma traslada a competencia na imposición de sanción relativas ao botellón dos
concellos aos departamentos territoriais de Sanidade», tal e como indican desde a administración autonómica.
Para garantir a coordinación institucional, crearase unha comisión en materia de
prevención das adiccións en Galicia que estará integrada por responsables das áreas da Xunta competentes en materia de sanidade, educación, xogo, xuventude e protección da infancia, ademais das administracións locais e entidades sociais que realizan o seu labor
no ámbito da prevención das adiccións, cos que se prevé asinar convenios de
colaboración.