O Concello de Arbo vén de finalizar as obras de modernización e mellora do pavillón polideportivo tras un investimento de 91.600 euros. A obra foi financiada pola Deputación de Pontevedra a través do II Plan Extraordinario de Infraestruturas Deportivas.
A iniciativa busca, non só renovar as instalacións existentes, se non tamén ampliar a súa funcionalidade co fin de atender mellor as necesidades dos usuarios e promover a práctica deportiva no ámbito local.
En concreto, as melloras realizadas inclúen a instalación de novos pavimentos, a incorporación dun marcador electrónico tanto na pista do pavillón como no campo de fútbol municipal. Tamén se procedeu á renovación e mellora dos vestiarios, co obxectivo de adaptalos ás necesidades actuais dos usuarios e usuarias.
O alcalde de Arbo, Horacio Gil, resaltou que «as obras no pavillón constitúen un paso importante para potenciar a oferta deportiva do municipio, contribuíndo á integración social e ao benestar da comunidade».