Salvaterra de Miño vén de iniciar as obras de mellora e optimización das instalacións deportivas do campo de fútbol municipal de Dextros. Así, estas actuacións foron adxusicadas por un valor de case 600.000 euros á empresa PRACE, Servicios y Obras.
En concreto, levarase a cabo unha transformación do campo adaptándoo ás necesidades actuais en materia de eficiencia enerxética, accesibilidade e dixitalización, abordando unha ampla gama de melloras.
Por unha banda, implementaranse medidas significativas para reducir o consumo, substituíndo o sistema de alumeado actual por tecnoloxía LED, que suporá unha diminución de máis do 50% no consumo enerxético. Ademais, instalaranse paneis solares na cuberta da grada e un sistema de fototermia con catro acumuladores de 200 litros, aproveitando así as enerxías renovables.
Realizarase tamén unha renovación integral das instalacións, con actuacións nos vestiarios e a estrutura do edificio. Renovaranse as cimentacións, a fachada, a carpintería, a cuberta, o illamento, a fontanería e o saneamento. Actuarase en parte do peche perimetral para mellorar a seguridade e estética do recinto, e en materia de accesibilidade levaranse a cabo melloras para garantir o acceso a persoas con mobilidade reducida, incluíndo a construción dun novo aseo adaptado.
A maiores, incoporaranse outros equipamentos para optimizar a funcionalidade das instalacións como unha persiana no peche da zona de cantina, a renovación da cuberta da grada e o saneamento da mesma.
No acceso ao centro deportivo instalaranse bancos, árbores, unha pérgola e outros elementos que faciliten a accesibilidade, así como se mellorará a rede perimetral do recinto.
Por último, dentro do plan de dixitalización, instalarase un moderno videomarcador dixital de 3×2 metros e implementarase un sistema de xestión automático de encendidos, apagados e funcionamento do climatizador.
A obra susténtase nunha financiación que combina fondos europeos e autonómicos, evidenciando o carácter estratéxico do proxecto, que recibe máis de 338 mil euros do Consello Superior de Deportes; e máis de 302 mil euros aportados polo Fondo de Cooperación Local da Xunta de Galicia destinados a inversións en infraestruturas municipais de carácter estratéxico.