O Consello da Xunta aprobou hoxe a declaración de festas de interese turístico de Galicia para catro celebracións da Comunidade. Trátase da festa das Carrozas do San Cidre (Boqueixón), da Feira tradicional dos Remedios (Ponteareas) e da Semana Santa do
Carballiño (O Carballiño) e da Feira Cabalar do San Martiño de Francos (Teo).
Na declaración de cada evento valoráronse a creatividade e innovación da celebración
dos eventos así como o nivel de dotación de infraestruturas e equipamentos e o adecuado
coidado do contorno ou a afluencia de visitantes, entre outros. En abril, o Consello de
Turismo -órgano de asesoramento na materia- informou favorablemente sobre estas celebracións.
Semana Santa do Carballiño
A Semana Santa do Carballiño comezou a organizarse en 1893, ano en que se fundou a
parroquia de San Cibrao do Carballiño. Ao longo do tempo desenvolveu características
propias, como a forma de procesionar (dobre ombreiro ou falso costal) ou composicións
musicais singulares.
A isto súmaselle unha programación paralela, con actividades como exposicións e ciclos de conferencias, publicacións ou concertos de música sacra. A festa das Carrozas de San Cidre, en Boqueixón, celébrase o primeiro domingo despois do 15 de maio -ou o mesmo 15 se cadra ese día-. Con medio século de historia, busca poñer en valor os traballos tradicionais do agro ao construír as carrozas de xeito artesanal, con materiais reciclados e do propio campo. Desde modo, tamén quere contribuír á difusión de antigos oficios. A gastronomía vinculada a estas tarefas constitúe outro dos elementos centrais da celebración.
Feira tradicional dos Remedios de Ponteareas
Tamén a Feira tradicional dos Remedios de Ponteareas pon en valor o mundo rural e os
oficios tradicionais. Neste caso, faino a través da recreación da vida cotiá na primeira metade do século XX, axudando á promoción do produto artesán galego. Desenvólvese cada ano durante a primeira semana do mes de setembro, segundo indican desde a Xunta de Galicia.
Feira Cabalar de San Martiño de Francos
A Feira Cabalar de San Martiño de Francos, en Teo, celébrase cada 11 de novembro. A
súa orixe remóntase ao ano 1557, o que dá conta da súa capacidade de supervivencia ao
longo do tempo. Especializada en gando equino, hoxe en día é unha das citas principais
neste sector, con compravenda de cabalos, maquinaria agrícola, artesanía, téxtiles e
complementos relacionados coa práctica equina e os produtos da terra de outono. A
feira desenvólvese nunha carballeira de gran riqueza, situada no Camiño Portugués.
Unha vez aprobadas hoxe no Consello da Xunta, a declaración de cada unha das festas
publicarase no Diario Oficial de Galicia nas vindeiras semanas.