sábado, junio 7, 2025
InicioNewsActualidadeO Porriño comeza o proxecto de repavimentación na parroquia de Budiño

O Porriño comeza o proxecto de repavimentación na parroquia de Budiño

O Concello do Porriño comeza esta semana un proxecto de repavimentación en cinco camiños da parroquia de Budiño: Mantelle, Vacaría, A Chan, O Casal e Cerquido. Estas actuacións enmárcanse no compromiso municipal de mellorar as infraestruturas e dinamizar o medio rural. Prevese que os traballos de asfaltado rematen nunha semana.

O obxectivo principal destas obras, que contan cun orzamento de 100.093,20 € (IVE incluído), financiados íntegramente coa subvención do Plan +Provincia 2024 da Deputación de Pontevedra, é resolver o mal estado destes camiños municipais, mellorando a seguridade viaria e a calidade dos accesos para veciños e usuarios.

O proxecto contempla unha serie de actuacións fundamentais, entre elas, a limpeza e desbroce das marxes e beiravías para garantir unha boa drenaxe e visibilidade; o fresado do firme existente eliminando as zonas deterioradas para a correcta base do novo pavimento; a aplicación de capas de aglomerado en quete; o realce das tapas de rexistro para evitar danos e mellorar a seguridade e o marcado do vial reflictivo e pintura termoplástica de símbolos e frechas para facilitar a circulación e a seguridade.

«Sabemos que unhas boas comunicacións e uns servizos básicos axeitados son fundamentais para garantir a calidade de vida da veciñanza», asegura o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo.

Por iso, o Concello está a desenvolver un plan integral de actuacións en todas as parroquias, con proxectos definidos tanto para a renovación e mellora dos viais como para a extensión e modernización das redes de saneamento, adaptándose ás necesidades específicas de cada zona.

“O noso obxectivo é construír un Porriño máis conectado, máis limpo e máis sostible, con infraestruturas modernas e eficaces, á altura do que merece a nosa cidadanía”, subliña o rexedor.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS