O Concello de Ponteareas organiza un curso de defensa persoal para mulleres totalmente de balde que terá lugar o domingo 8 de xuño de 10:00 a 18:00 horas no centro social da rúa Oriente. As mulleres interesadas en recibir esta formación do Método Más deberán realizar inscrición previa nos números de teléfono 986644653 (CIM) e 986641747 (Servicios Sociais) ou por correo electronico no enderezo cim@ponteareas.gal.
A concelleira de Benestar Social, Raquel Plana, explica que «o curso se compón dunha parte teórica e outra práctica que se dará en conxunto para ser máis dinámica. Na parte teórica traballaranse conceptos psicolóxicos tanto da vítima como do agresor e o código penal».
MÉTODO MAS é unha metodoloxía de Defensa Persoal Feminina, para aprender a empregar o corpo e a mente contra as ameazas do día a día. Non só busca ensinar ás mulleres a defenderse, senón tamén axudar a recoñecer as sinais de perigo e actuar de xeito preventivo para lograr anticiparse e evitar unha situación de risco.
O curso desenvolverá o control das 5 claves: respiración, a observación, a valoración, a estratexia e a técnica. Tamén se traballará todo tipo de prevención para situacións de risco que nos leven a evitar o confrontamento físico e un amplo abano de técnicas defensivas no caso de enfrontamento físico.
A finalidade do curso é que a muller teña ferramentas suficientes para sentirse segura nunha situación de risco en todos os ámbitos da súa vida. Cada xornada céntrase nunha aprendizaxe inicial e unhas pinceladas de prevención, así coma diferentes técnicas a aplicar nunha situación de risco.
A formación presencial pode complementarse co método en liña para unha experiencia máis completa. Tamén pode ser a opción para persoas en situación de vulnerabilidade, que non poidan asistir ás clases presenciais ou se sintan máis seguras formándose dende a casa.