O Concello de Mos conta cun novo Centro de Capacitación Dixital e Punto TIC, que xa está a pleno rendemento na Axencia de Colocación de Mos, onde se están a formar 30 persoas dende o 30 de abril. Este centro pertence á Rede Estatal de Centros de Capacitación Dixital, e conta co financiamento europeo Next generation.
Está previsto que para o mes de xuño se formen a 30 persoas máis, de nivel medio e tamén nivel baixo. Deste xeito, todas as persoas interesadas en participar nestes cursos de capacitación deben inscribirsechamando ao 986 487 786. O obradoiro será un curso intensivo de Capacitación Dixital Aplicada (30 horas), que se impartirá en horario de 9.00 a 14.00 horas do 2 ao 9 de xuño.
Tamén haberá un curso pola tarde, tamén de 30 horas, cun horario de 18.00 a 21.00 horas, que se impartirá do 16 ao 27 de xuño para aquelas persoas, de nivel baixo- medio, que estean traballando ou que, por diversas razóns, prefiran este horario.
As datas dos seguintes cursos son: do 7 ao 18 de xullo, do 13 ao 24 de xullo, do 1 ao 12 de setembro, en horario de 9:30h a 12:30h e do 22 de setembro ao 3 de outubro, en horario de 18.00 a 21.00 horas. Todos os cursos están indicados para un nivel baixo-medio.
Os contidos dos diferentes cursos serán Aplicacións IoT, IA, Ciberseguridade, Redes, Blogs, Teams; e correspóndense cunha unidade de competencia do Catálogo Nacional de Cualificaciones Profesionales (SNCFP), o que permitirá a súa acreditación do mesmo.
No Punto TIC- “Enlace Dixital” estanse atendendo dende que abriu unha media de 6 a 10 persoas. Trátase dun asesoramento personalizado en calquera dúbida relacionada coas novas tecnoloxías, dende a utilización dunha aplicación, a realización dun trámite electrónico, da IA ou, por exemplo, dun teléfono intelixente. Para acudir a este Punto TIC é preciso pedir cita no 986 487 786.