Preto de 2.500 quilos de material pirotécnico serán lanzados ao ceo desde cinco puntos diferentes de Santiago de Compostela nos Fogos do Apóstolo de 2022, que este domingo a partir das 23.00 horas darán o inicio oficial á xornada do 25 de xullo, Día de Galicia.
A encargada do espectáculo será unha empresa valenciana que xa se encargou de facelo en 10 ocasións anteriores.
O lanzamento efectuarase de forma simultánea desde a Alameda, a Cidade da Cultura, o Parque Eugenio Granell, Fontiñas e As Cancelas.
Xa desde o 2020, os fogos desprazáronse da Praza do Obradoiro “onde adoitaba haber un espectáculo de proxeccións sobre Raxoi ou a Catedral” para levalo a varios puntos da cidade.
Este evento gañou en “espectacularidade” así e permite “cuadriplicar ou quintuplicar” os espectadores.
Agora hai veciños que o poden gozar desde as súas xanelas, antes adoitábanse concentrar no Obradoiro e na Alameda.
Os Fogos do Apóstolo 2022 estarán “sincronizados” nos cinco puntos de lanzamento, de modo que cada un, con 500 quilos de material pirotécnicos “2.500 en total” e 2.000 unidades de disparo, terá “as mesmas fases, cores, impactos, efectos sonoros e efectos lumínicos”.

