O Club Natación Ponteareas vén de presentarse á Fase Final da Liga Galega de Clubs de División de Honra, onde lograron a permanencia cunha totalidade de con 399 puntos fronte aos 355 puntos do Club Natación Arteixo e os 301 puntos do Club Natación Fluvial de Lugo.
A competición tivo lugar nas instalacións de FRIGSA, en Lugo, onde o club pontareán loitaba pola permanencia. Ata alí, desprazáronse un total de 23 deportistas do Club Natación Ponteareas que, tal e como o describen dende a dirección do club, «os e as nadadoras fixeron un esforzo titánico nunha xornada épica na que moitos deles tiveron que mellorar considerablemente as súas marcas para acadar os máximos puntos posibles».
O formato desta competición consistía nunha soa serie de cada proba na que competían dous nadadores por club nas probas individuais, e dous equipos nas probas de remudas. Debido a este motivo, tratouse dunha xornada moi igualada, na que as nosas nadadoras e nadadores foron paulatinamente acadando a puntuación suficiente para lograr a permanencia.
Na loita polo título, o Club Natación Portamiña proclamouse vencedor con 430.5 puntos, sendo segundo o Club Natación Galaico con 359.5 puntos e terceiro o Club Natación Ferrol con 260 puntos.
Dende a directiva do Club Natación Ponteareas felicitan «a todas e todos os integrantes do equipo por este éxito que nos permite seguir unha tempada máis na División de Honra, tendo coma principal obxectivo a permanencia, pero coa vista en tratar de acceder á fase final no grupo da loita polo título».