O Centro de Formación Profesional e Promoción Rural EFA A Cancela, ubicado no Concello de As Neves, celebrará o vindeiro sábado 24 de maio o seu 50 aniversario.
O acto conmemorativo terá lugar na contorna do centro e dará comezo ás 17:00h cunha misa de acción de grazas, «como expresión do agradecemento compartido por medio século de compromiso coa formación, o desenvolvemento do medio rural e a educación en valores» aseguran dende a dirección do centro.
De seguido, celebrarase un encontro institucional no que se lembrarán os fitos máis relevantes destas cinco décadas e se renderá homenaxe ás persoas e institucións que contribuíron á traxectoria do centro dende a súa fundación no ano académico 1974-1975.
Do mesmo xeito, a celebración concluirá cun viño galego de honra para todos os asistentes acompañado de pesticos. Dende a organización do evento «convidan a antigos alumnos e profesorado así como familias e membros da comunidade educativa que formaron parte da súa historia a acudir a este encontro e celebrar os 50 anos de historia do centro».
É aconsellable reservar praza a través do correo electrónico antigosalumnosefa@gmail.com, no teléfono 986648250 ou no seguinte formulario.
