O Festival Sinsal SON Estrella Galicia activará esta semana a venda de entradas para a súa nova edición, que terá lugar os días 25, 26 e 27 de xullo na illa de San Simón. O evento cultural, cuxo cartel é secreto para o público ata que este desembarca, volverá ofrecer unha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento a través da participación de numerosas bandas e solistas chegadas de diversas rexións de todo o mundo.
A partir das 12.00 horas de mañá, martes 13, e até as 23.59 horas do mércores 14 -ou ata esgotar existencias-, poderanse adquirir os abonos para gozar das tres xornadas de programación cultural; mentres que as entradas por día estarán á venda a partir das 12.00 horas do xoves 15. Cómpre salientar que, nesta edición, o primeiro día coincide cunha data festiva, 25 de xullo, polo que a actividade comezará en horario de mañá.
Para poder acceder ao festival, o público debe coller un dos barcos que Sinsal pon á súa disposición nos embarcadoiros da Estación Marítima do porto de Vigo ou do Centro de Interpretación de Rande, en Meirande; un traxecto que se pode escoller á hora de comprar a entrada, cando tamén se informa dos horarios dos barcos tanto da ida como da volta. O transporte ata a illa está incluído no billete e os prezos son diferentes en función do punto de saída así como da idade, sendo máis económico o acceso para menores de 16 anos.
Así, o abono Sinsal, que abrangue as tres xornadas de programación, poderase adquirir desde os 166,50 € (máis gastos de xestión); mentres que as entradas por día sairán á venda a partir dos 60 € (máis gastos) no caso das persoas adultas e de 23 € (máis gastos) no caso das menores de 16 anos.
Sinsal SON Estrella Galicia
Sinsal SON Estrella Galicia é unha iniciativa cultural que naceu co fin de visualizar ás artistas próximas á creación contemporánea da escena galega, estatal e internacional: en cada edición, é habitual poder coñecer propostas de estilos moi diversos e de formacións de diferentes países de Europa, África Asia ou América.
A súa programación musical acompáñase, ademais, de numerosas actividades paralelas divulgativas, á fin de dar a coñecer a historia, a memoria e o patrimonio cultural e natural de San Simón – como os roteiros Descubre San Simón, Illario Pantasma e Andaina con Amarturmar- ademais de propostas vinculadas á sostibilidade ambiental e concienciación, como a activación da nova liña #SinsalSenRastro, a iniciativa para transformar o modelo de xestión de residuos; ou mesmo da recuperación e posta en valor dos arquivos sonoros, que se traducen en iniciativas recollidas na nomeada Escola Sinsal.
Novamente, o evento cultural contará coa colaboración de SON Estrella Galicia, o proxecto musical cervexeiro máis consolidado do panorama estatal e que leva máis de 15 anos tanto impulsando iniciativas chamadas a mudar a escena como apoiando o talento xurdido en calquera parte do mundo.