O Concello da Guarda vén de informar á veciñanza de que , debido ás intensas choivas rexistradas nos últimos días, detectouse turbidez na auga da rede de abastecemento municipal provocada polo arrastre de lodos e sedimentos cara as captacións.
O rexedor local, Roberto Carrero, asegurou que “a auga continúa a recibir o tratamento e desinfección habituais, pero recoméndase non utilizala para beber nin para cociñar ata o vindeiro venres 9 de maio, co fin de que se normalice a situación e recupere os niveis óptimos de claridade”.
Dende a entidade local solicitan tamén ás persoas que dispoñen de filtros de sedimentos instalados no contador, “que procedan á súa revisión, dado que poderían atoparse obstruídos”.
Desde o Concello agradecen a comprensión da veciñanza e lembran que ante calquera dúbida ou incidencia poden poñerse en contacto co Concello a través dos medios habituais.

