jueves, mayo 1, 2025
InicioNewsActualidadeMondra musicará en directo o filme Miss Ledya no Festival de Cans

Mondra musicará en directo o filme Miss Ledya no Festival de Cans

O cantante e músico galego, Mondra, fará unha actuación única no Festival de Cans poñendo música en directo ao filme mudo Miss Ledya, película de 1916 que está considerada a primeira obra de ficción rodada en Galicia e na que Castelao ten un papel como actor. 

A actuación será «un dos grandes atractivos do festival» e forma parte das accións especiais que prepara o certame para celebrar o Ano Castelao, que conmemora os 75 anos do falecemento dunha das figuras máis influíntes da cultura galega. Terá lugar na tarde do venres 23 de maio, con aforo reducido só para 90 persoas e un prezo de 5 euros a entrada, que se pode mercar na web oficial de Cans. A actividade terá lugar no Baixo de Bugarín, un dos espazos máis emblemáticos e auténticos do festival. 

Martín Mondragón, máis coñecido como Mondra, é un dos artistas máis innovadores da colleita galega dos últimos anos. Aceptou o desafío do Festival de Cans de crear unha atmosfera sonora inédita para acompañar a curtametraxe Miss Ledya, unha obra muda rodada en escenarios como a Illa da Toxa e dirixida polo cineasta pioneiro José Gil sobre un argumento de Rafael López de Haro. 

O filme conta a historia de Miss Ledya, fermosa e excéntrica señorita norteamericana, que chega a Pontevedra acompañada do seu pai, un rico financeiro ianqui. Miss Ledya alóxase no hotel da Illa da Toxa, onde están de incógnito os reis de Suavia, ameazados polos anarquistas. A película está protagonizada por Fefa Ximénez de Sandoval e entre os 16 actores e actrices principais do elenco figura Alfonso R. Castelao, quen encarnou o pastor protestante. Cunha duración de 22 minutos, filmada en branco e negro, máis aló do seu valor cinematográfico, a obra destaca por ser o testemuña da sétima arte en Galicia.

مقالات ذات صلة

OUTRAS NOVAS