Salceda de Caselas avanza nas obras para dotar do servizo de saneamento ao barrio da Presa na parroquia de Parderrubias. Así o constataron a alcaldesa, Loli Castiñeira, o concelleiro de Axenda Ecolóxica, Marcos Troncoso e as representantes da Asociación Veciñal de Parderrubias, María Rodríguez e Rosario Lorenzo, na súa visita ás obras para comprar a evolución das mesmas.
A execución abarca un tramo de 544,10 metros de lonxitude que permitirá dar servizo a un total de 13 vivendas, poñendo fin a un problema ambiental existente na zona, na que se tiñan producido filtracións de augas fecais.
Este tramo era, segundo asegura o goberno local, “o máis urxente da zona” e informan que o “resto de tramos pendentes serán completados segundo as posibilidades de cada momento”.
Nunha xuntaza cos veciños, o equipo de goberno xunto aos redactores do proxecto e a empresa adxudicataria explicaron o alcance desta fase así como a folla de ruta a seguir para o saneamento completo do barrio da Presa.
“A complexidade técnica da zona fai que se precise dun estudio de alternativas previo para analizar a viabilidade das diferentes opcións” aseguraron. E engadiron que “o Concello xa está a traballar neste estudio”.
O proxecto para a obra foi encargado e financiado polo Consorcio de Augas do Louro, e agora é o Concello de Salceda quen o executa contando cunha subvención de 132.067,76€ do Plan +Provincia 2024.
A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, asegura que “esta é a lexislatura do saneamento” e manifesta que “estamos de cheo na segunda transformación de Salceda, e nesa transormación o saneamento ten que ser a nosa premisa fundamental para o rural para cumplir cos nosos compromisos coa veciñanza”.
Pola súa banda, o concelleiro de Axenda Ecolóxica, Marcos Troncoso explica que “o traballo coa asociación veciñal de Parderrubias leva sido moi produtivo na procura dunha solución para o saneamento no barrio da Presa. Nestes preto de dous anos de lexislatura levamos traballado arreo en conseguir facer realidade diferentes proxectos de saneamento, no que consideramos un servizo básico para a nosa veciñanza e para conseguir a fixación de poboación nas parroquias“.

