Luns, Febreiro 2, 2026
HomeNewsActualidadeO COF de Pontevedra advirte: "O novo programa de renovación da medicación...

O COF de Pontevedra advirte: “O novo programa de renovación da medicación non demorable é para casos moi excepcionais”

Tras facerse pública a aprobación da Xunta de Galicia do programa para a renovación con carácter excepcional da prescipción da medicación non demorable, son moitas as persoas que se achegan ás farmacias preguntando sobre este novo sistema.

Dende o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra aclaran que “este novo procedemento é excepcional e únicamente para casos moi concretos, polo que cando na farmacia lles avisen de que é a súa última receita, deben pedir cita co seu médico”.

O novo programa de receitas é froito da colaboración entre a Consellería de Sanidade e os Colexios Oficiais de Farmacéuticos de Galicia e nace co fin de dar servizo a aqueles pacientes onde unha suspensión temporal da medicación poida supoñer un alto risco para a súa saúde.

Así, nos casos acordados como “non demorables“, o paciente que non teña cita co seu médico nin medicación para as seguintes 72 horas poderá acudir a unha farmacia e será o farmacéutico quen inicie o procedemento, contactando en horario de 9:00h a 21:00h e de luns a venres cun médico técnico en saúde do Servizo Galego de Saúde para que cite ao paciente e, previa consulta, proceda á renovación da prescripción da medicación crónica.

Os casos excepcionais denominados como non demorables son: terapia antidiabética, terapia antiepiléptica e anticonvulsivante só para tratamento da epilepsia, terapia antipsicótica na enfermidade psiquiátrica e demencia, terapia inmunosupresora do paciente transplantado e terapia cardiovascular.

O programa dará comezo o vindeiro luns 24 de febreiro e será obxecto de seguemento continuo.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS