Xoves, Marzo 26, 2026
HomeNewsActualidadeTres conferencias completan a programación das xornadas de igualdade no Porriño

Tres conferencias completan a programación das xornadas de igualdade no Porriño

Unha conferencia sobre mulleres maiores e desigualdade dá o pistoletazo de saída das xornadas “Igualdade, muller e dereitos: realidades e desafíos”, organizadas polo Concello do Porriño co obxectivo de xerar reflexión, diálogo e sensibilización arredor das distintas realidades que afectan ás mulleres na sociedade actual.

Todas as sesións desenvólvense no Salón de Plenos do Concello, consolidándose como un punto de encontro para o diálogo e a reflexión colectiva arredor da igualdade.

O primeiro dos encontros celébrase este 26 de marzo no Salón de Plenos en horario de 17.00 a 19.30 horas, centrado na situación das mulleres maiores no ámbito rural baixo o título “Mulleres maiores e desigualdade: unha realidade invisibilizada no rural”. A sesión conta coa participación das poñentes Sonia Esperanza Rodríguez Boente e Rosana Izquierdo, afondando nas desigualdades estruturais que sofre este colectivo e na necesidade de avanzar cara a políticas públicas máis inclusivas e equitativas.

O programa continuará o vindeiro 23 de abril cunha segunda xornada e en horario de 17.00 a 19.30 horas, dedicada ás mulleres novas, a violencia dixital e o fenómeno dos deepfakes. Baixo o título “Mulleres novas, violencia dixital e deepfakes”, a sesión contará coa intervención da poñente Belén Rubido de la Torre, abordando unha temática de crecente relevancia no contexto tecnolóxico actual e os riscos asociados ás novas formas de violencia de xénero en contornas dixitais.

A terceira e última sesión terá lugar o 27 de maio, tamén de 17.00 a 19.30 horas baixo o título “Desigualdade de xénero no ámbito laboral”, e contará coa intervención do poñente Alejandro Pazos Pérez. Nesta xornada abordaranse as fendas persistentes no mercado laboral e as medidas necesarias para avanzar cara a unha igualdade real entre mulleres e homes no ámbito profesional.

“Estas xornadas forman parte da aposta do Concello do Porriño por promover espazos de análise e debate sobre igualdade, reunindo a profesionais, persoas expertas e cidadanía interesada en profundar nos desafíos actuais en materia de dereitos das mulleres”, explica o alcalde do Porriño, Alejandro Lorenzo, louvando a labor do equipo de Igualdade liderado pola concelleira Carolina González.

As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición no rexistro do Concello ou a través do correo electrónico igualdade@oporrino.org.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS