Unha muller de 72 anos resultou ferida de gravidade tras ser atacada por un grupo de, polo menos, unha decena de cans. Os feitos ocorreron na parroquia de Está, en Tomiño. A vítima está xa fora de perigo e na súa casa tras recibir a alta médica.
Segundo informou a Policía Local de Tomiño, a vítima quedou semiinconsciente a causa das mordeduras dos cáns, e foi rapidamente auxiliada por un veciño, o primeiro en chegar á zona, que logrou afastar aos animais e evitar que o ataque fora de maior gravidade.
Ata a zona desprazáronse efectivos da Policía Local, da Garda Civil e profesionais sanitarios, que lograron estabilizar á muller. Posteriormente foi trasladada en ambulancia ao Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo.
Mentres, a Policía Local está realizando xestións para tratar de identificar ao dono ou dona dos cans involucrados no suceso, feito que está sendo dificil debido a que ningún deles tiña identificación.
O servizo de lacería do Concello de Tomiño, conseguiu capturar á maioría dos cans.

