Un día máis o celtismo arroupará ao equipo como nas grandes ocasións e rozará o cheo absoluto para vivir o primeiro enfrontamento de volta nunha eliminatoria europea, algo que non se vivía desde hai nove anos. As entradas están «oficialmente esgotadas» aínda que na web do club van aparecendo puntualmente as que os aboados van liberando nas horas previas ao choque. Onte pola noite restaban unhas vinte por colocar nas diferentes bancadas.
A afección do PAOK devolveu máis de trescentas entradas (finalmente serán seiscentos os seareiros gregos que estarán en Balaídos) e esas localidades foron postas á venda polo Celta e colocadas en apenas unhas horas. O club lembra aos seus socios que ata catro horas antes do comezo do partido (as 17:00 horas de hoxe) poden liberar o seu asento no caso de que non vaian empregalo.

