O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, anunciou hoxe que o Goberno galego incrementa un 50% o orzamento do Bono Emancípate, cuxa segunda edición abrirá o vindeiro venres, 13 de febreiro, o prazo de solicitudes.
Segundo explicou o titular do Executivo autonómico, a Xunta pon en marcha por segundo ano este Bono para que a mocidade, de menos de 36 anos, teña a oportunidade de acceder a unha axuda para afrontar “os gastos iniciais que se derivan de empezar a vivir de xeito independente”, nun fogar propio. Así se recolle na convocatoria desta nova edición do programa, que publica mañá o Diario Oficial de Galicia, e que foi avaliado polo Consello da Xunta.
A iniciativa, á cal a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destina un orzamento de 3 M€, un millón de euros máis que en 2025, cando “contou cunha enorme aceptación”, ten por obxectivo que os mozos e mozas galegas conten cun incentivo económico á hora de independizarse, xa sexa nunha vivenda alugada ou en propiedade, para sufragar a adquisición de mobiliario ou diversos artigos como os decorativos, obxectos do baño, enxoval de cociña, téxtil ou certos electrodomésticos esenciais.
Segundo indican desde a Xunta de Galicia, o Goberno galego dá resposta deste xeito ás demandas da xuventude ante as dificultades de acceso a unha vivenda que lles permita iniciar un proxecto de vida independente, complementando as políticas que xa desenvolve neste ámbito cunha proposta diferente, encamiñada neste caso a cubrir outras necesidades, como é a cobertura dos gastos que comporta a posta en marcha dun fogar.
Quen pode solicitar o Bono Emancípate?
Ao Bono Emancípate poden acceder, dentro da franxa de idade indicada, as persoas que cumpran os requisitos recollidos nas bases, como non ter recibido a axuda en 2025, ou outras cuestións como contar, polo menos, cunha fonte regular de ingresos ou que a suma dos ingresos anuais dunha unidade de convivencia sexa igual ou inferior a catro veces o indicador público de renda de efectos múltiples (igual ou inferior a tres veces no caso de persoas sen unidade de convivencia). Tamén deben posuír a nacionalidade española ou a dalgún dos Estados da Unión Europea ou do Espazo Económico Europeo, así como estar empadroadas na vivenda en que van permanecer.
Neste sentido, requírese ser titular dun contrato de alugamento de vivenda formalizado con posterioridade ao 30 de abril de 2025, cunha duración mínima dun ano, ou, de ser o caso, ter subscrito como adquirente unha escritura pública de compravenda dunha vivenda tamén con posterioridade ao 30 de abril de 2025.
Rueda sinalou que, no caso de vivir como arrendatarias, as persoas incluídas na convocatoria recibirán 1.500€ para empregar na tipoloxía de gastos xa mencionados, mentres que as que soliciten a axuda tendo adquirido a súa propiedade, a contía será de 3.000€.
Como é o procedemento?
As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, desde o 13 de febreiro, ás 9.00 horas, ata o 30 de abril de 2026, ás 20.00 horas, salvo que se produza con anterioridade o esgotamento do crédito orzamentario dispoñible.
Unha vez concedidas e comunicadas as axudas, faranse efectivas a través dunha tarxeta moedeiro virtual que se expedirá a nome da persoa beneficiaria, e que deberá ser usada, con data límite do 31 de decembro de 2026, para compras que se realicen en comercios físicos en Galicia. Así, non se poderá utilizar en compras a distancia.
Máis de 1.000 persoas en 2025
O presidente destacou que na primeira edición do Bono Emancípate, en 2025, presentáronse un total de 3.718 solicitudes, das cales un 60,91% corresponderon a persoas do rango de idade comprendido entre os 18 e os 30 anos, e un 36,79% a persoas de entre 31 e 35 anos (a porcentaxe restante corresponde a solicitudes de persoas que non cumprían o requisito de idade ou duplicadas).
Logo da tramitación das solicitudes, e de se autorizar unha ampliación de crédito por un importe de 250.000€, que se sumou aos 2 M€ iniciais, a axuda chegou a un total de 1.066 persoas, das cales 584 se corresponderon con mozos e mozas que se emanciparon nunha vivenda de alugamento e 482 ás que o fixeron en réxime de propiedade.

