A Xunta activa desde esta madrugada a alerta laranxa por chuvia no interior de Pontevedra e mañá tamén por temporal costeiro no noroeste e oeste do litoral da provincias da Coruña e na Mariña lucense.
Co fin de garantir a seguridade dos bens e as persoas, a Dirección Xeral de Emerxencias e Interior, da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, informou da situación a través do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias 112 Galicia aos concellos das provincias afectadas; deputacións, servizos provinciais e agrupacións de voluntarios de Protección Civil e aos clubs náuticos, entre outros.
Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (Aemet), estará activo desde esta madrugada no interior de Pontevedra un fenómeno meteorolóxico adverso por precipitacións acumuladas en 12 horas de máis de 80 mm. Ante as fortes chuvias recoméndase circular con precaución e informarse antes do estado das estradas, non atravesar zonas inundadas ou que poidan asolagarse e afastarse dos cursos dos ríos.
Os concellos afectados
Debido á alerta laranxa por chuvia acumulada, a Comisión Escolar de Alertas decidiu suspender durante toda a xornada de mañá xoves día 10 as actividades no exterior dos centros educativos dos 16 concellos da zona Interior de Pontevedra: Agolada, Campo Lameiro, A Cañiza, Cerdedo-Cotobade, Covelo, Cuntis, Dozón, A Estrada, Forcarei, Fornelos de Montes, Lalín, A Lama, Moraña, Rodeiro, Silleda e Vila de Cruces.
Por outra parte, desde mañá a primeiras horas da mañá activarase a alerta laranxa por fenómeno meteorolóxico adverso por temporal costeiro que afectará ao noroeste e oeste do litoral da Coruña e á costa da Mariña lucense por mar combinada do oeste con ondas de ata seis metros e vento do suroeste de forza sete e localmente forza oito.
A Secretaría Xeral para o Deporte da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, segundo as previsións dos órganos preditores, anunciou a suspensión da actividade deportiva federada e do programa Xogade no exterior nos concellos afectados debido á alerta laranxa por chuvia e a actividade deportiva no mar polo temporal costeiro. Os concellos afectados poden consultarse na web Deporte Galego.
Recomendacións
A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes e paseos marítimos. Tamén que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.
Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.axega112.gal), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.

