O Concello do Porriño reforza os seus servizos de orientación e inserción laboral coa incorporación de tres novas técnicas ao seu equipo municipal no marco dun programa de formación e emprego dirixido a persoas recentemente tituladas.
Desde este mes de xaneiro, Lucía Novoa, Iria González e Ximena Correa xa están a desenvolver o seu labor como técnicas de orientación profesional mediante un contrato de formación. Dúas delas son graduadas en Traballo Social e unha en Educación Social, e participan neste proxecto co obxectivo de adquirir experiencia práctica e competencias profesionais que faciliten a súa incorporación ao mercado laboral.
Esta iniciativa forma parte do programa Máis Emprega e ten como finalidade principal ofrecer unha primeira oportunidade laboral a persoas mozas recentemente graduadas, axudándoas a superar a falta de experiencia profesional, un dos principais obstáculos no acceso ao emprego.
Durante un ano, as tres técnicas realizarán tarefas de acompañamento, asesoramento e orientación ás persoas usuarias dos servizos municipais de emprego, combinando formación teórica e práctica e adquirindo habilidades sociais, comunicativas e profesionais fundamentais para o seu futuro.
O proxecto conta cun cofinanciamento de 67.657,32 euros por parte da Deputación de Pontevedra e do Concello do Porriño, permitindo impulsar unha iniciativa que aposta polo talento novo e polo fortalecemento dos servizos públicos locais en materia de emprego.

