O Consello de Ministros aprobou esta mañá un Real decreto-lei de medidas urxentes de apoio ás vítimas dos accidentes ferroviarios de Adamuz e Gélida. Trátase dun paquete económico dotado de 20 millóns de euros que pretende acelerar a percepción de axudas por parte dos afectados “e evitar así as esperas propias dos procedementos ordinarios dos seguros”, segundo indican desde o Ministerio.
A medida foi presentada polo ministro de Transportes e Mobilidade Sostible, Óscar Puente, na rolda de prensa posterior ao Consello de Ministros, e articúlase nun Real decreto-lei que ten como obxectivo establecer axudas inmediatas ás vítimas e adiantar parte das indemnizacións correspondentes ao seguro de responsabilidade civil, que se sumarán aos mecanismos xa existentes no actual ordenamento xurídico, que recoñece o dereito das vítimas de accidentes ferroviarios e os seus familiares a unha asistencia integral.
Trátase, por tanto, de axudar nos momentos e semanas posteriores ao accidente e evitar as esperas propias destes trámites administrativos. “Os procedementos ordinarios e os tempos xudiciais non sempre responden á urxencia vital de quen sufriu unha traxedia coma esta”, apuntou o ministro. “As vítimas non poden agardar anos para recibir apoio económico que lles permita afrontar gastos médicos, tratamentos psicolóxicos, desprazamentos, coidados continuados ou a reorganización completa da súa vida cotiá. A incerteza económica non pode engadirse á dor emocional”.
Axudas complementarias
Estas axudas son complementarias aos plans, seguros e coberturas previstos na lei para as vítimas de accidentes ferroviarios e, por tanto, compatibles coas indemnizacións obrigatorias por responsabilidade civil. Ademais, recibiránse integramente xa que estarán exentas de tributación.
A cantidade mobilizada polo Goberno ascende aos 20 millóns de euros: 10 millóns para as axudas urxentes e outros 10 correspondentes aos anticipos.
Así son as axudas
A contía a percibir definiuse da seguinte maneira:
- Nos casos de falecemento, unha axuda directa de algo máis de 72.000 euros por cada persoa falecida e a mesma cifra en concepto de anticipo do seguro.
- Nos supostos de lesións corporais, as axudas estrutúranse por niveis de gravidade, con importes que van desde algo máis de 2.400 euros nos casos de menor entidade ata máis de 84.000 euros nas lesións de máxima gravidade. As cifras son as mesmas para o anticipo do seguro.
“Queremos garantir —sinalou o ministro Óscar Puente— que ningunha vítima nin ningunha familia teña que afrontar, ademais dunha traxedia persoal, unha situación de angustia económica ou de desamparo institucional. O Estado non pode limitarse aos tempos ordinarios. Debe estar presente, debe anticiparse e debe actuar con humanidade”.
Por último, Puente anunciou que se iniciarán as modificacións normativas para a futura implementación deste tipo de medidas no ordenamento xurídico español. “Iniciaremos as modificacións normativas necesarias para articular un mecanismo estrutural de intervención pública para que o Estado asuma con carácter anticipado o abono dunha porcentaxe das indemnizacións correspondentes aos danos persoais derivados dos accidentes de transporte colectivo, sen prexuízo da posterior determinación da responsabilidade civil das persoas físicas ou xurídicas responsables de devandito accidente”.
Explicacións
Por último, o ministro volveu incidir en que seguirá dando as explicacións necesarias sobre o accidente sempre que sexa preciso. “A transparencia e o esclarecemento dos feitos é respecto ás vítimas e aos seus familiares. Seguiremos traballando para esclarecer o ocorrido, para reforzar a seguridade ferroviaria e para garantir que as vítimas reciben toda a atención que merecen”, rematou.

