A oitava edición do Concurso de Rondallas, celebrada no IFEVI, quedará para a historia por acadar o seu maior número de participantes ata a data. Un total de 17 rondallas —tres delas debutantes— tomaron parte nun espectáculo que se estendeu durante cinco horas e reuniu a preto de 1.500 músicos e abandeirados sobre a pista, enchendo o recinto de cor, ritmo e tradición.
As agrupacións participantes foron: Guizán, Pontellas, Vincios, Valladares, Torroso, Chaín, Bembrive, Baíña, Herville, Pexegueiro, Santa María do Porriño, Santa Eulalia de Mos, Zamáns, Atios, Beade, Parada e Ventosela. O repertorio combinou pezas clásicas como muiñeiras, rumbas, jotas ou pasodobres con temas máis actuais de artistas como C. Tangana, ROSÉ e Bruno Mars, así como adaptacións de grandes éxitos internacionais como Freed from Desire, Sweet Caroline, Rasputin, I Will Survive ou Smooth Criminal.
O certame arrancou ás 17:00 horas cun IFEVI completamente cheo: 6.500 persoas encheron as bancadas nunha cita que, días antes, xa colgara o cartel de “non hai entradas”. Trátase do evento máis importante do calendario rondalleiro, ao ser a única competición oficial e practicamente pechar a tempada anual.
No apartado competitivo, a Rondalla Santa Eulalia de Atios (O Porriño) proclamouse vencedora por terceiro ano consecutivo. A segunda posición foi para Pontellas (O Porriño), mentres que Santa Eulalia de Mos acadou o terceiro posto. Completaron a clasificación Torroso (Mos) na cuarta posición e Herville (Mos) na quinta.
O Alcalde do Porriño e Deputado provincial, Alejandro Lorenzo, e a vicepresidenta Luisa Sánchez, participaron na entrega dos premios.
Na categoría de abandeirados, os premios recaeron en Valladares (Vigo), gañadora por segundo ano seguido, seguida de Parada (Nigrán) e Pontellas (O Porriño). Ademais, o xurado concedeu mencións especiais a Atios (O Porriño) e Chaín (Gondomar).
Cada rondalla recibiu 1.800 euros pola súa actuación. A maiores, a gañadora do concurso obtivo 900 euros adicionais; a segunda clasificada, 600; e a terceira, 300. Na categoría de abandeirados, os primeiros levaron 500 euros, os segundos 350 e os terceiros 200.
Antes da entrega de premios, o certame pechouse cun emotivo homenaxe póstumo a Justo Figueroa, capitán da Rondalla Peña de Freixo e figura histórica do mundo rondalleiro. Precisamente polo loito, a agrupación viguesa non participou este ano na competición.
A valoración correu a cargo dun xurado profesional de seis membros con formación musical e experiencia no ámbito rondalleiro, elixido polas propias agrupacións. Avaliaron o aspecto musical, o espectáculo en pista, a vestimenta e realizaron unha valoración xeral. Pola súa parte, os abandeirados foron xulgados por un xurado delegado composto por 16 representantes —un por cada rondalla, agás Zamáns, que non conta con bandeiras—, que non puideron votar pola súa propia agrupación.

