O seguimento da folga sanitaria a nivel nacional convocada contra o Estatuto Marco promovido polo Goberno central, na quenda de tarde deste xoves, foi do 4,59 % nos centros sanitarios da comunidade galega, segundo cifra a Consellería de Sanidade.
Así, a porcentaxe de participación nos sete grandes hospitais do Servizo Galego de Saúde, na quenda de tarde acadou o 5,85 %. En canto aos hospitais comarcais, o seguimento foi do 0 %. No seu conxunto, a actividade hospitalaria contou cunha participación na folga do 4,87 %.
Pola súa banda, no que respecta á atención primaria o seguimento da folga en rexeitamento do borrador presentado polo Ministerio de Sanidade acadou o 4,57 % de participación.
Por centros hospitalarios
Por centros hospitalarios, o paro foi secundado polo 5,17 % no caso do Complexo Hospitalario Universitario da Coruña; o 0 % no caso do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago de Compostela; o 0 % no caso do Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol; o 12,16 % no caso do Hospital Universitario Lucus Augusti; o 14,29 % no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense; o 10,29 % no Complexo Hospitalario Universitario de Pontevedra; e o 0,92 % no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.
Seguimento na atención primaria
En canto ao seguimento en atención primaria na quenda de tarde por áreas sanitarias foi o seguinte: área sanitaria da Coruña e Cee, 1,40 %; área sanitaria de Santiago de Compostela e Barbanza, 9,09 %; área sanitaria de Ferrol, 5,56 %; área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos, 0,00 %; área sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, 1,54 %; área sanitaria de Pontevedra e O Salnés, 0 %; e na área sanitaria de Vigo, do 9,57 %.
Pola súa banda, en entidades sanitarias como son a Axencia Galega de Doazón de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS), a empresa pública de servizos sanitarios Galaria e a Fundación Pública Urxencias Sanitarias de Galicia-061 o seguimento na quenda de tarde foi do 0 %.
O Servizo Galego de Saúde conta na xornada de hoxe coa cobertura do 100 % dos servizos mínimos, garantindo a actividade asistencial urxente e de emerxencias.

