jueves, enero 15, 2026
InicioNewsActualidadeLuz verde ambiental ao novo proxecto turístico en Nigrán: 25 cabanas de...

Luz verde ambiental ao novo proxecto turístico en Nigrán: 25 cabanas de madeira

A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental ao proxecto para construír un campamento de turismo na contorna do Pazo de Cea, no concello de Nigrán. O fin do promotor é implantar un novo establecemento hostaleiro no municipio con 25 cabanas de madeira.

Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos sobre o entorno derivados do proxecto, sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como nos informes analizados, así como no programa de vixilancia ambiental deseñado.

Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública ao tempo que foron consultados un total de dez organismos interesados.

Froito desas consultas, as entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.

Esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, augas e leitos fluviais, solo e infraestruturas, xestión de residuos, da integración paisaxística e restauración, así como do patrimonio natural e cultural.

Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remítese a resolución ao órgano substantivo —a Axencia de Turismo de Galicia— e dáselle publicidade a través do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia e da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.

O proxecto: 25 cabanas de madeira

En canto ao proxecto, promovido por Organiza Nigrán, SL, cómpre indicar que se busca a implantación dun novo campamento de turismo con 25 cabanas de madeira destinadas a aloxamento nunha parcela de preto de 23.000 m 2 . A superficie construída será de máis de 1.600 m 2.

Ademais dos volumes de habitacións, para o desenvolvemento do proxecto será necesaria a creación dunha zona de recepción de hóspedes, así como unha área de aparcamento e camiños peonís que conecten as cabanas.

Os elementos edificados serán independentes e illados para permitir o crecemento e desenvolvemento de árbores de porte ao seu redor e integrarse na paisaxe circundante.

Artigos relacionados

OUTRAS NOVAS